DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lois Pérez Castrillo, durante a súa intervención no Forumemprego 2008:

“O desenvolvemento dos servizos sociais abre un amplo nicho de emprego público”

Pola súa banda, a conselleira Eures norueguesa acude á Universidade en busca de futuros traballadore

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 19/02/2008
“Coa futura conversión dos servizos sociais en prestacións universais, ábrese un amplo nicho de emprego público que se desenvolverá totalmente nos próximos oito anos e que dará ocupación a miles de titulados universitarios”. Con estas verbas, Lois Pérez Castrillo, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, animou aos estudantes presentes nas xornadas do Forumemprego a prepararse para desenvolver o seu futuro profesional no eido do emprego público, xa que tal como afirmou “proporciona seguridade e mellores condicións profesionais ao recoñecer os dereitos laborais dos empregados”.
“O perfil dos traballadores que os servizos sociais demandan é o de unha persoa con titulación media ou superior, e dentro disto abarca psicólogos, pedagogos, traballadores sociais, mestres, terapeutas ocupacionais e licenciados en dereito...”, continuou Pérez Castrillo, ex-alcalde de Vigo. Ademais da formación especializada, un requisito indispensable co que deben contar os empregados deste sector é a sensibilidade social, xa que se trata dun ámbito onde os erros se pagan moi caros, co rexeitamento social.
En canto ás políticas de benestar que se están a deseñar, o xerente sinalou que responden á necesidade que a nosa comunidade ten de vencer o déficit histórico en canto a servizos para nenos, maiores e para aqueles que por calquera motivo quedan excluídos da sociedade Como exemplo destas medidas sinalou a Lei de Dependencia, que está sentado as bases para a xeración de emprego público nun sector que ata o momento estaba en mans de entidades privadas.

A conselleira Eures do Servizo Público de Emprego de Noruega: “Precisamos incorporar traballadores altamente cualificados”

Co obxectivo de animar aos futuros titulados da Universidade a desenvolver o seu futuro profesional en Noruega, a conselleira Eures do país nórdico, Ragnhild Synstad, fixo, no marco do Forumemprego, unha exposición sobre as condicións de vida e traballo na rexión. “A taxa de desemprego en Noruega é extremadamente baixa, situándose no mes de xaneiro entorno o 1,8% da poboación, o que supón unhas 44.670 persoas”, afirmou, engadindo que “a principal dificultade para a inserción no mercado laboral nórdico é o idioma, xa que existen dúas linguas escritas oficiais, o noruegués estándar e o moderno, ademais de múltiples dialectos.
Os principais sectores nos que Noruega ten necesidade de incorporar traballadores altamente cualificados son, entre outros, “a industria mecánica, as obras públicas e navais, o ámbito da bioloxía e a saúde e os sectores do gas e do petróleo”, segundo sinalou Synstad. Só no eido da construción e das obras publicamos precisamos tamén man de obra sen especialización.
Para finalizar, a conselleira Eures sinalou que “a previsión é que para o 2010 se precise recrutar noutras rexións a preto de 220.000 persoas para cubrir o crecente desenvolvemento do país”

Clausura do Forumemprego 2008

Para completar a xornada, ademais de Pérez Castrillo e Ranghild Synstad, houbo representantes do terceiro sector e da empresa privada, destacando a presenza de Pilar Álvarez, xerente de Alborada; Sonia Viñas, coordinadora da Fundación Universia; Clara de Lorenzo, xefa de recursos humanos de Gadisa e Francisco Carneiro, director de xestión de activos do Banco Portugués de Investimento.
Tralo acto de clausura do Forumemprego no campus vigués, a continuación tócalle a quenda a Pontevedra, onde as xornadas se desenvolverán hoxe e mañá, e a Ourense, que recibirá a visita dos conferenciantes o xoves e venres.