DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emprega un dispositivo de posicionamento axudado por un dron

Desenvolven un sistema de localización de deportistas de ximnasia rítmica no tapiz de competición

Froito da colaboración entre persoal docente e investigador de Aeroespacial e Educación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 14/03/2023

A determinación do uso dos espazos é de interese para a avaliación de moitas actividades artísticas e deportivas, como por exemplo para a puntuación dun exercicio. Neste contexto, un grupo interdisciplinar formado por persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, acaba de desenvolver un pequeno sistema de localización de deportistas de ximnasia rítmica no tapiz de competición empregando un dispositivo de posicionamento axudado por un dron.

Un tapiz e unhas restricións

O traballo foi un dos seis proxectos financiados polas Axudas a Grupos de Investigación do Campus de Ourense Inou 2022, que veñen de rematar a súa execución. Estivo coordinado por Guillermo Rey, do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais Atrg, e por María del Pino Díaz, do grupo de investigación en Didáctica Especial, de Actividade Física, Expresión e Creatividade HI6, que conta cunha dilatada traxectoria en psicoloxía e ximnasia rítmica. Completaron o equipo Pedro Orgeira, na parte de Aeroespacial, e Isabel Mociño e Lucía Casal, na parte de Educación. O obxectivo do proxecto foi o deseño, desenvolvemento e proba dun sistema de localización de deportistas de ximnasia rítmica en tapiz de competición por medio de pequenos elementos de posicionamento que puidesen portar os e as competidoras. Perseguíase que o sistema fose de fácil despregamento en calquera tapiz, polo que se comezou buscando a utilización dunha solución embarcable en dron e que proporcionase a evolución do movemento das e dos ximnastas no seu exercicio deportivo, indicando localización, traxectoria e velocidade.

A ximnasia rítmica de conxuntos, recóllese no proxecto, é un deporte altamente competitivo que se desenvolve nun tapiz de 13x13 metros e no que interveñen normalmente cinco ximnastas. “A distribución que teñen no tapiz en cada momento, o emprego da área dispoñible, a interrelación dos seus movementos e o mantemento das distancias entre ximnastas é clave de cara á puntuación no capítulo de execución”, sinala María del Pino Díaz. Así como outros elementos de puntuación poden ser cuantificados de forma sinxela, engade, “a observación da utilización do espazo non é tarefa sinxela para as xuíces da competición que, a pé de pista, deben observar as evolucións de ata cinco ximnastas simultaneamente, analizando en vivo todos os elementos postos en xogo nas súas rápidas evolucións polo tapiz”. Se ben noutros deportes coma o fútbol, indica o equipo do proxecto, “hai toda unha historia con respecto ao estudo dos movementos das e dos xogadores, incluso por medios automatizados, na ximnasia rítmica estas metodoloxías non existen, e non se teñen aplicado tecnoloxías doutros ámbitos ás necesidades concretas desta disciplina deportiva”.

Á hora de levar a cabo o proxecto, o equipo investigador tivo que enfrontarse ademais a dous hándicaps principais: por un lado, a indumentaria das e dos ximnastas, que dificultaba a introdución de elementos de localización e identificación; e por outro, os requisitos de zonas de seguridade ao redor do tapiz. As condicións nas que desenvolver un posicionamento en tempo real eran polo tanto “moi restritivas” e a elas había que sumar o feito de que esta actividade se realiza en escenarios de interior, onde tecnoloxías coma o GPS non están dispoñibles.

Pequeno dispositivo colocable no pelo

A pesar destas limitacións, no proxecto acadouse a localización de cinco ximnastas en tempo real, rexistrando as súas evolucións no tapiz de competición, identificando a cada deportista de xeito individual e ademais garantindo que a captura de datos posibilitase a posterior análise da información. Para conseguilo, detallan Guillermo Rey e Pedro Orgeira, optouse polo emprego conxunto e coordinado dun sinxelo, pequeno e discreto dispositivo de posicionamento que, axudado por un UAV (dron) con elementos embarcados para o posicionamento en tempo real, representase unha alternativa económica, sinxela de despregar e factible neste ámbito. A pequena infraestrutura deseñada, detalla Orgeira, “pode ser portada de xeito cómodo en calquera vehículo normal de competición a competición, e incluso poder ser empregada nos adestramentos polos equipos”.

O UAV afirma o equipo investigador, cumpre todas esas características de fácil portabilidade, pode permanecer en voo a punto estático a unha altura suficiente e sen necesidade de permanecer na vertical do tapiz para non ter a posibilidade de interacción cos altos lanzamentos que normalmente suceden nestas competicións. Por outra banda, engaden, “o dispositivo que axuda ao posicionamento e que ten que ser portado polas ximnastas é lixeiro, pequeno, e facilmente colocable no pelo (moño de competición)”. No deseño do dispositivo, apuntan por último, tiveron en conta que múltiples competicións a diferente nivel (local, provincial, galego, nacional ou internacional) suceden ao longo do calendario en moitos pavillóns que non son específicos para a rítmica (canchas de baloncesto, polideportivos municipais, campos de fútbol sala) polo que non era “viable pensar que nesas instalacións, a miúdo prestadas para as competicións, poidan ter unha infraestrutura dedicada á localización das ximnastas para unha competición puntual”.

Se ben este primeiro traballo estivo máis centrado no desenvolvemento e proba da tecnoloxía a aplicar, o equipo agarda darlle continuidade o vindeiro curso abordando xa a súa aplicación no eido educativo.