DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto Erasmus+ do que forman parte a EE de Telecomunicación e entidades de Polonia e Lituania

Design Thinking para mellorar a integración de persoas migrantes e refuxiadas

Esta semana celebrouse unha xuntanza en Vigo e os asistentes participaron nunha “pausa activa”

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 06/02/2019

Chegar a un novo país, enfrontándose a unha nova cultura, lingua e claves sociais e facelo deixando atrás unha situación crítica derivada de guerras, fame, pobreza, enfermidades, etc. Neste contexto, o medo e a ansiedade son habituais entre os migrantes e refuxiados cando chegan a unha nova cidade, xa sexa de paso ou de acollida. Mitigar estas sentimentos é básico para facilitar a súa integración e este é o obxectivo do proxecto europeo Erasmus+ What Design Thinking can do for migrants and refugees? no que participan a Universidade de Vigo, Eduplius, empresa de servizos educativos de Lituania e unha fundación polaca, a Graceland Foundation, moi activa na atención a migrantes e refuxiados. A base desta iniciativa é o Design Thinking, unha metodoloxía pensada para propor solucións innovadoras ante calquera tipo de problema, incluso cuestións de tipo social. Como explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e coordinador do proxecto na Universidade de Vigo Manuel J. Fernández Iglesias, “foi concibida para animar á cidadanía a explorar alternativas e crear solucións que non existían antes, centrándose nas necesidades das persoas reais, facilitando a comprensión da súa contorna e da súa cultura”.

Os tres socios comezaron a traballar no mes de novembro pero esta semana celebran unha xuntanza de traballo na EE de Telecomunicación. Ao longo de tres días, o grupo da Universidade de Vigo, guiado polos profesores Manuel J. Fernández e o director da escola, Íñigo Cuiñas, ofreceu ao resto dos socios o seu coñecemento na aplicación de Design Thinking á resolución de problemas. O obxectivo final é formar aos traballadores europeos que están en contacto con migrantes e refuxiados para que empreguen esta metodoloxía para reducir a ansiedade e o medo a fin de integralos nas comunidades locais. “O que queremos é proporcionar solucións innovadoras ao reto de mellorar a experiencia” destas persoas cando teñen o seu primeiro contacto nos países de orixe. A finalidade última do proxecto é desenvolver un manual que poderá ser empregado tanto por docentes de xestión e emprendemento como exemplo de implementación práctica do método DT, como por persoas e institucións que tratan con migrantes e buscan novos  métodos para a súa actividade. 

Entre debate e debate, unha pausa activa

No transcurso desta xuntanza, a Universidade puxo en marcha unha nova aposta pola vida activa. Trátase de fomentar a actividade física nos descansos deste tipo de xuntanzas, congresos e simposios. Deste xeito, e sen necesidade de desprazarse a instalacións deportivas nin cambiarse de roupa, as persoas participantes guiadas por un especialista da Área de Benestar, Saúde e Deporte puideron facer unha serie de exercicios, alongamentos e pautas para mellorar a mobilidade e a postura. Esta pausa activa xa se puxo en marcha na xornada de benvida ao alumnado estranxeiro hai unhas semanas, fomentando así a actividade física nas pausas entre longas xornadas sedentarias de traballo e estudo.