DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A última sesión tivo lugar o sábado en Xunqueira de Ambía

Despois de cinco meses de actividade, Aldearmos pecha a súa programación

A iniciativa traballou na dinamización cultural no rural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 27/03/2023

Despois de cinco meses de actividade por numerosos puntos da xeografía de Lugo e Ourense, o programa Aldearmos, un “programa de democratización cultural do e no rural" da Rede Aldear, formada por unha vintena de concellos do rural destas provincias, pechou este sábado a súa programación no Concello de Xunqueira de Ambía, onde se uniron ao proxecto poético de Rochi Novoa e o seu festival o Tangaraño Cultural.

O programa contou cunha presentación do proxecto, no que participa a UVigo, ruAllure, que levou por título Camiño de Santiago e tecnoloxía para o rural e foi ofrecida por Ildiko Cspregi e Carlos Barja. Tamén houbo tempo para a danza (con Non me toques o segredo, de Artes pola Integración, e Ouveo, de Mikel Aristegui), para a música (co Coro Universitario do campus de Ourense) e para a poesía (con Belén de Andrade, Nuria RP e PoemaRock coa intervención artística de Moncho Baraceiro). A programación de peche tamén incluíu a actuación de As da Chispa e concertos de Díaz e Davide Salvado. No acto de clausura participaron Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Jacobo Sutil, director da Agadic, da Xunta de Galicia, e José Luis Gavilanes, alcalde de Xunqueira de Ambía.

O “traballo ben feito”

“Remata Aldearmos coa sensación do traballo ben feito e cun último evento onde se achegaron persoas de todas as idades a gozar da música e da danza realizada dende o rural, e tamén da poesía”, comentan desde a organización do proxecto. A esta última actividade, detallan, asistiron en total 300 persoas, e nela quixeron agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron o apoio prestado. Segundo explican, “Aldearmos continuará a través da actividade das asociacións e proxectos que fan parte da Rede Aldear construíndo rural e ideas para o futuro”.

Aldearmos foi un programa que contou con catro pés que tiñan como obxectivo amosar a vitalidade do rural das provincias de Lugo e Ourense e contribuír a asentar proxectos culturais nel. A primeira desas catro liñas de actuación foi Aldear na Escola, un programa de intervención socioeducativa que levou xornadas de traballo a diferentes centros educativos do rural das provincias do interior. A segunda foi Aldear Campus Auga: un programa de intervencións científicas en contextos non académicos onde investigadores e investigadoras do campus de Ourense presentaron os seus traballos buscando unha interlocución amena e didáctica. A terceira liña foi Aldear Acompaña, unha oficina de promoción económica do cuarto sector, e por último, estivo a liña Aldear Itinerancias, un programa de eventos en zonas rurais onde se amosaron prácticas e espectáculos de vangardas creados por en para as zonas menos poboadas.