DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de teatro do Programa Universitario para Maiores do campus presenta a súa última obra

Despois de todo un curso de traballo... 'Que viva o duque!'

Na actividade contan co apoio de membros de Sarabela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Estudantes
DUVI Ourense 31/05/2019

Despois dun curso académico de traballo, Entrebambolinas, o grupo de teatro do Programa Universitario para Maiores do campus de Ourense, presenta ante o público a súa nova obra, titulada Que viva o duque!. Os 14 membros do grupo soben este venres ao escenario co dobre obxectivo cumprido de divertirse e aprender cunha actividade que supón para elas e eles, alleos ao mundo artístico, todo un reto.

A actuación terá lugar na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, ás 20.00 h e é aberta a todas as persoas interesadas. Dirixida ao igual que o grupo por Sabela Gago, a representación é unha versión libre de Fernando Dacosta da obra Viva el duque nuestro dueño, de J.L. Alonso Santos. Tanto Fernando Dacosta como Sabela Gago participan nesta iniciativa como membros de Sarabela Teatro e das Aulas de Teatro do campus de Ourense. Entrebambolinas, lembra Sabela Gago, “naceu hai catro anos” e o obxectivo para as e os seus participantes “é medrar individualmente e como parte dun colectivo no que é moi importante o traballo en equipo”. “Traballamos todo o curso. Primeiro facemos un traballo máis de preparación do actor, no que se incide na voz e o corpo, e logo pasamos a montar o que é o espectáculo, a obra de teatro”, comenta Gago. Nesta ocasión, indica, optaron por facer unha adaptación dunha comedia sobre un grupo de cómicos na posguerra que queren actuar na corte, sendo o teatro a súa forma de supervivencia.

Segundo explica Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense, o grupo naceu no marco da materia Comunicación Corporal, impartida por Sabela Gago e na que o alumnado aprende a comprender a importancia que ten o corpo e a voz na comunicación e adquire principios básicos da representación teatral. Entre os beneficios que reporta esta actividade, Alberto Vaquero pon o aceno en aspectos como o adestramento da memoria, da voz e da comunicación, a mellora da coordinación de movementos e da autoestima e a potenciación da socialización. “Tanto a profesora como actrices e actores son persoas moi esixentes, que ensaian unha e outra vez ata que teñen lista a súa actuación. A súa capacidade de superación é tal que non podemos senón felicitalos por tanto e tan bo traballo realizado”, apunta o coordinador do programa.

Unha experiencia marabillosa

O reparto de Que viva o duque! está formado por Anuska Silva, Artemia Rodríguez, Ilduara Álvarez, Dictina Fernández, Candi Rodríguez, Rosa Méndez, Chus Constenla, Josefa Blanco, Pablo Iglesias, Luis Aldemira, Mariem Pena, Melania Blanco, Xán Losada González e Inés Miguélez. Trátase, explica Sabela Gago, dun grupo moi implicado na actividade e que cada curso vai evolucionando coa entrada de novos membros e a marcha doutros. “Somos un grupo de xente moi animada, levámonos moi ben”, comenta a actriz do grupo Chus Constenla. Recalcando como “a experiencia é marabillosa”, esta alumna do Programa Universitario para Maiores apunta como leva xa varios anos formando parte deste grupo. O traballo que nel realizan, sinala, ten a súa vertente “difícil”, como superar o medo escénico ou memorizar “a estas idades”, pero, afirma “vámolo levando moi ben e divertímonos moito, que ao fin ao cabo é o importante. Facémolo por puro pracer, non temos outro interese”.

Á hora de afrontar o reto de facer unha obra de teatro para representar ante o público, Chus Constenla tamén pon o aceno no traballo da directora do grupo. “Traballar con Sabela Gago é unha gozada”, afirma. A esta alumna tócalle representar no “grupo faranduleiro de mortos de fame que queremos ir á corte da rei” o papel dunha actriz “chosca e un pouco tatexa”. Con algo de nervios porque á actuación vai a asistir a familia, “un público moi esixente”, salienta como a obra está feita para que tanto público como actores se divirtan, animando ás persoas interesadas a achegarse á representación.