DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mª Sonia Rodríguez e Verónica Morales participaron esta semana nun ciclo da Facultade de Ciencias

Destacados expertos analizaron no campus os últimos avances en recuperación de solos

No marco do Doutoramento en Ecosistemas Terrestres e Usos Sostibles e Implicacións Ambientais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/03/2012

Unha das facianas máis enriquecedoras para o alumnado de doutoramento é canto reciben clases de destacados docentes e investigadores foráneos. Foi o caso esta semana do alumnado do Doutoramento en Ecosistemas Terrestres e Usos Sostibles e Implicacións Ambientais. As investigadoras, Verónica Morales, do Simbios Centre da University Abertay- Dundee, e María Sonia Rodríguez, do IRNASA CSIC-Salamanca, achegáronse ao campus de Ourense para explicarlles os últimos avances en recuperación de solos e transporte de contaminantes, as súas áreas de especialización.

O Ciclo Arquitectura do Solo, Transporte e Contaminación, organizado pola Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Ciencias, pretendeu, segundo salientou o seu coordinador, José Eugenio López, “afondar en liñas de investigación que poidan ser de interese en aspectos vinculados coas ciencias ambientais”. Con este obxectivo, explicou, “convidamos a estas dúas investigadoras que, a pesares da súa idade, xa son de recoñecido prestixio internacional neste campo”. Unha visita que os organizadores destacan foi posible grazas á mención de excelencia que ten o doutoramento por parte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Conceptos e técnicas

María Sonia Rodríguez presentou aos asistentes a súa experiencia no Instituto de Recursos Naturais en Agrobioloxía IRNASA CSIC-Salamanca, que traballa no estudo da degradación do medio ambiente e a súa recuperación. “Investigamos a contaminación de solos e augas por pesticidas e estudamos técnicas de prevención e descontaminación de solos e augas por estes compostos”, salientou. Durante a súa intervención, Rodríguez explicou os diferentes tipos de contaminación producida por elementos orgánicos e inorgánicos e amosou as principais tecnoloxías aplicadas para o seu tratamento e recuperación. Entre estas técnicas a investigadora apuntou a de lavado de solos con solucións acuosas que levan sulfatantes aniónicos ou non iónicos e a inmobilización dos compostos contaminantes mediante o emprego de materiais absorbentes, como arxila modificada ou materiais orgánicos coma os residuos da madeira.

Pola súa banda, Verónica Morales, do Simbios Centre da University Abertay- Dundee, foi a encargada de presentar o seu traballo investigador no eido do transporte de contaminantes de partículas no ambiente, sexa auga ou solos, e introducir aos asistentes nos métodos e técnicas empregadas neste eido. Entre outra cuestións, Morales explicou o efecto da materia orgánica no transporte de patóxenos agrícolas.

Para as dúas investigadoras foi a primeira visita á Universidade de Vigo, unha experiencia que cualificaron como moi satisfactoria pola oportunidade que lles brinda de intercambiar experiencias con docentes e investigadores da mesma área.