DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas ao curso para o profesorado "Da teoría á práctica: Experiencias de xestión pública"

Destacados representantes da xestión pública compartirán experiencias cos docentes

Terá lugar os días 23 e 30 de abril e 14, 21 e 28 de maio no Edificio Xurídico Empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 10/04/2008

Co fin de tender unha ponte entre as ensinanzas académicas sobre economía e xestión pública e as situacións reais nas que se moven os traballadores dese ámbito en Galicia, organizouse no campus o curso Da teoría á práctica: Experiencias de xestión pública, no que destacadas figuras da xestión pública local e autonómica compartirán cos asistentes a súa experiencia.
Enmarcado dentro das accións formativas institucionais que a Universidade de Vigo ten previstas para 2008, o curso terá lugar os días 23 e 30 de abril e 14, 21 e 28 de maio no seminario 5 do Edificio Xurídico Empresarial en horario de 11.00 a 14.00 horas. O obxectivo é seguir avanzando na constante actualización de coñecementos dos docentes da Universidade e, “está especialmente orientado aos do ámbito da economía: Empresariais, Turismo ou Xestión e Administración Pública” comentou Alberto Vaquero, coordinador do curso.
Segundo Vaquero, “trátase de coñecer de primeira man o día a día da xestión económica grazas a situacións reais, que aportarán un coñecemento práctico do funcionamento das entidades públicas dende a perspectiva económica” explicou. “En cada unha das cinco sesións das que consta o curso, virá un relator diferente, de primeiro nivel, para tratar diversos temas e ter unha visión completa” engadiu.
Todos os interesados en inscribirse deberán facelo canto antes na páxina web www.bubela.uvigo.es xa que as 20 prazas que se ofertan serán adxudicadas por rigorosa orde de matrícula, e segundo a organización, “vanse cubrir todas, o que para un curso que se celebra por primeira vez de xeito experimental é moi gratificante. Estamos moi contentos e ilusionados coa posibilidade de repetir en anos sucesivos ou noutros campus” expresou o coordinador.

O programa do curso

En canto ao profesorado, variará en cada unha das sesións, xa que serán xestores públicos de importantes entidades os encargados de impartir as clases. “Participará Carlos Fernández, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias no eido local, que explicará o papel da súa entidade e como está neste momento e a Xaquín Álvarez Corbacho, conselleiro de Contas de Galicia, que falará do funcionamento desta consellería” comentou Vaquero. “Tamén virán María Dolores Rivero, xerente de Xestur, para explicar o papel que desenvolve na política de vivenda en Ourense; Edelmiro López, director xeral da Consellería de Medio Rural, que comentará a xestión dos recursos naturais da comunidade, e por último, José Luis Jiménez, xerente do Complexo Hospitalario de Ourense, explicará a xestión hospitalaria no caso do CHOU” dixo.
Esta actividade está organizada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa a través da Área de Innovación Educativa, en colaboración co Departamento de Economía Aplicada.