DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vindeira semana arranca a 10ª edición do ciclo de conferencias sobre ciencias mariñas da Ecimat

Dez anos servindo Café con Sal

O obxectivo é que investigadores, estudantes e profesionais do mar compartan coñecementos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/01/2020

En dez anos foron máis de 80 relatorios os que deron forma ao ciclo de conferencias Café con Sal, unha proposta pioneira de divulgación científica posta en marcha pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. A vindeira semana, o xoves 30, arrancará unha nova edición, unha moi especial, a décima, que volverá unir persoal investigador, estudantes e profesionais do sector do mar co fin de compartir coñecementos, xerar debates e novas ideas que sirvan de xermolo para posibles colaboracións. En total serán 14 ponencias ao longo do 2020, que terán lugar sempre ás 11.00 horas, cun formato concentrado de 40 minutos de duración, o xusto para unha pausa para o café, neste caso con sal.

Alba Hernández, técnica de divulgación da Ecimat, coordina a organización deste programa e explica que “mediante estas conferencias, o debate e os minutos que compartimos durante o café, o persoal técnico da Ecimat e do CIM coñece con detalle os proxectos de investigación que se desenvolven no centro, o que permite intercambiar coñecementos científicos e técnicos que enriquecen tanto os proxectos en marcha como os servizos realizados polo persoal técnico, ademais de fomentar as relacións persoais e un bo ambiente de traballo”. Remarca que o persoal investigador dos distintos grupos “precisa dun punto de encontro onde intercambiar ideas e pensar en posibles puntos de colaboración, co fin de establecer proxectos multidisciplinares que permitan comprender dun xeito integral os diferentes problemas ou ameazas que sofre o medio mariño e achegar solucións efectivas á sociedade”. 

Trátase de que “estudantes, técnicos ou investigadores” teñan un altofalante para presentar os seus traballos, de temáticas diversas que comprenden dende os novos servizos da estación ata o cambio climático, a contaminación mariña, a xestión sustentable de recursos pesqueiros ou a xenética, acuicultura, etc. Abórdanse tamén “temas transversais de interese xeral, como a historia das estacións mariñas ou a necesidade da ‘ciencia aberta’, que serán algúns dos temas para esta décima edición”. Alba Hernández tamén engade que, para axudar a divulgar estes contidos e contribuír á difusión da investigación mariña realizada na Universidade de Vigo, as intervencións son retransmitidas en directo por UVigo-TV e están tamén disponibles no seu respositorio.

“Orgullosos do noso Café con Sal”

Manter vivo este ciclo durante dez anos é, para Alba Hernández, un motivo de satisfacción pero telo conseguido “é froito de algo moi especial, un nivel de compañeirismo difícil de atopar noutros lugares de traballo”, remarca. E é que este ambiente foi básico para o arranque e a consolidación deste ciclo de conferencias, “pois o respecto e o cariño polos nosos compañeiros de traballo (tanto técnicos como investigadores), mantiveron, e seguen mantendo, un nivel de asistencia fixo e unha motivación para os poñentes básica”. Tamén destaca que a colaboración de UVigoTV e o feito de comezar a realizar as conferencias en inglés, permitiu incrementar exponencialmente a visibilidade do ciclo, “pero sen decrecer o nivel de asistencia e interese en participar”. Por todo isto, dende a Ecimat amósanse “realmente orgullosos do noso Café con Sal, pois consideramos que mantemos o espírito e os obxectivos iniciais do programa, pero melloramos ano tras ano a visibilidade, a difusión, e o interese por parte tanto dos participantes como dos asistentes”. 

Pero a aposta da Ecimat pola divulgación e a comunicación da ciencia vai máis aló do ciclo de relatorios, xa que cada ano a estación recibe máis de 500 visitantes de centros educativos e colectivos sociais. “Coa axuda do persoal investigador do CIM, realizamos arredor de 60 actividades de divulgación ao ano como a celebración de xornadas, certames, concursos, etc. e participamos en actividades nacionais ou internacionais de divulgación científica”, engade Hernández. 

A historia das estacións de investigación mariña, no primeiro relatorio

A primeira cita con esta nova edición será o vindeiro xoves 30, coma sempre ás 11.00 horas, no salón de actos da Ecimat. O primeiro convidado do 2020 será Ibon Cancio, profesor de Bioloxía Celular da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) e investigador da Estación Marina de Plentzia (PiE), única institución xunto coa Ecimat que forma parte do nodo español da EMBRC-ERIC, infraestructura pan-europea de investigación en bioloxía e ecoloxía mariña. No seu relatorio, titulado Marine Stations: 20000 leagues under the sea since the XIXth century into the Blue Growth fará un percorrido histórico polas estacións mariñas, que arranca hai 175 anos coa inauguración do primeiro centro deste tipo en Ostende (Bélxica). Alba Hernández apunta que Cancio, que é tamén colaborador da Ecimat, “é un fantástico orador cunha ampla visión da historia, importancia e misión das estacións mariñas, polo que é ideal para inaugurar o ciclo”.

Ao longo do ano celebraranse 14 sesións do ciclo, que rematará no mes de decembro. Abordarase temas diversos como o impacto do cambio climático sobre os organismos vivos das Rías Baixas; os efectos dos aditivos plásticos sobre os peixes mariños; a influencia das condicións do hábitat nos procesos ecolóxicos clave para a fauna bentónica mariña ou a xenómica dos mexillóns.