DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado dun taller impartido polos directores Samuel Delgado e Helena Girón

Dez curtas nas que o alumnado explora o carácter sensorial do audiovisual abren Novos Cinemas

A programación do festival combina proxeccións, actividades formativas e encontros con cineastas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/12/2022

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas celebra este martes a inauguración da súa sétima edición que ten, un ano máis, como primeiro acto a estrea dunha serie de curtas do alumnado do campus. Nun obradoiro promovido pola Vicerreitoría e o festival, dez estudantes e titulados traballaron nos últimos meses na elaboración destas pezas cos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado como titores. Nun taller titulado Como vibracións a través do espazo, os directores de Eles transportan a morte guiaron aos e ás participantes na creación dunhas curtas que exploraron o carácter máis sensorial do cinema e as posibilidades que a interrelación entre son e imaxe pode achegar ás estruturas narrativas.

Os resultados finais deste taller presentáronse na tarde deste martes no Teatro Principal, na primeira das actividades dun festival organizado pola asociación cultural Novos Cinemas e Matriuska Producións, co apoio da Vicerreitoría, o Concello, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y las Artes Audiovisuales (ICAA). A vicerreitora do campus, Eva Lantarón, o codirector do festival Suso Novás e Delgado e Girón acompañaron neste acto aos autores e autoras destas dez pezas, seleccionados nunha convocatoria aberta tanto a alumnado de grao e posgrao, como a titulados e tituladas o pasado curso. 

Un taller que achegou “novos modos de entender” o cinema

“O taller supuxo unha experiencia especial, unha posibilidade de descubrir formas de traballar o medio audiovisual”, salienta o estudante do doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea Alejandro López, que deu forma neste obradoiro á curta A, NIGHTSHOT, construída a partir dunha sucesión de representacións da letra a. Nesa mesma liña, o estudante de Belas Artes Enrique Pena destaca o enfoque dun taller que “esperta novos modos de entender” tanto o audiovisual como o propio traballo persoal e que deron como resultado Sara, unha curta que presenta como “un espello onde se reflexan distintos retratos do día a día dunha mesma persoa”. 

“O obradoiro foi todo un reto”, engade Tamara Goberna, que incide no labor como titores de Delgado e Girón, que lles achegaron “referentes e información moi personalizada a pesar das poucas sesións que tivemos”. Titulada en Belas Artes, Goberna presentou Esto es algo montado del caminar, “unha especie de videoensaio narrativo experimental sobre a aprendizaxe das relacións dentro das cisheteronorma”, mentres que a tamén egresada desta facultade Antía Encisa estreou A cidade líquida, unha curta que “parte da idea de viaxe e da inmensidade de historias que hai ao noso redor, no cotián” e que construíu “no tránsito do bus urbano” coa idea de promover unha reflexión, “desde a simple observación” sobre cuestións como “o paso do tempo ou as relacións interpersoais”. 

Inserido no programa formativo #Aula de Novos Cinemas, o obradoiro combinou sesións presenciais e titorías virtuais e resultou un “curso diferente, no que a liberdade creativa estaba por riba de todo”, salienta o alumno de Belas Artes Álex Viador dun taller que lles permitiu internarse “nos nosos imaxinarios persoais a través do audiovisual”. No seu caso, o resultado foi Avireda, un “conto de ficción atrapado nun autorretrato” que define como “unha viaxe sensorial a través da deriva”, mentres que tamén alumna desta facultade Sara Alonso deu forma Ensueños, unha curta que “pretende ser unha ventá cara a infancia, pasando por esas primeiras imaxes que vemos ata chegar ao mundo racional, que é o adulto”.

A posibilidade de “descubrir novos referentes” foi outra das cuestións destacadas por participantes como a alumna de Belas Artes Alba Pérez, autora dunha curta que pon o foco “nos espazos liminais de fantasía e refuxio”; ou a estudante do Grao en Comunicación Audiovisual Ana Laura Rodríguez, que deu forma a (In)Habitable, unha curta “sobre a necesidade vital da compañía e da forza universal que move o mundo, o amor”, sinala. Tamén formado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Areal foi outro dos seleccionados para este obradoiro, do que Andrea San Miguel destaca o seu carácter colaborativo. “Xerouse un ambiente moi bo, no que poder expresar ideas e coñecementos á vez que aprendíamos uns dos outros”, salienta esta alumna de Belas Artes, que estreaba este martes Fosfeno, “unha mirada a través dos meus ollos, que están en constante busca por ver da mesma maneira que os ollos da miña avoa”. 

Unha semana de cine, encontros e formación

Tras a presentación destas curtas, Novos Cinemas celebra esta tarde a súa apertura oficial coa proxección de Los Saldos, de Raúl Capdevilla, dando inicio a seis días de programación no que a proxección dos 13 filmes que integran as súas dúas seccións competitivas combínase con outra serie de actividades. De outorgar os premios aos mellores filmes responsabilizaranse catro xurados, entre os que se atopa o Xurado Novo, conformado por catro estudantes e titulados do campus, Iris Rodríguez, David Arosa, Susana Alba, Yuri Salgado e Martín Arufe.

Xunto ás proxeccións, a programación abrangue tamén encontros con cineastas como a portuguesa Susana Nobre, ao que o festival dedica a súa sección Foco, e que este venres protagonizará un coloquio na sede da Vicerreitoría. Previamente, a Casa da Campás acollerá tamén un encontro co docente da Escola Superior de Media Arts e Design de Porto José Quinta, mentres que o xoves terá lugar un coloquio co cineasta galego Andrés Sanjurjo.

Por outra banda, nos próximos días terán lugar tamén novas actividades formativas, entre as que se atopa o obradoiro, organizado coa colaboración da ECAM, que o sonidista e docente Alberto Carlassare impartirá xoves e venres na sede da Vicerreitoría, centrado no papel que xoga o son na construción da narrativa audiovisual contemporánea. Así mesmo, a Casa das Campás acolle desde este martes as actividades do LAB do festival, un espazo no que catro directoras recibirán o asesoramento dun equipo profesionais para o desenvolvemento dos seus proxectos cinematográficos.