DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas curtas que desenvolverán nun obradoiro impartido por Helena Girón e Samuel Delgado

Dez estudantes abrirán Novos Cinemas coas súas exploracións das relacións entre son e imaxe

O taller ‘Como vibracións a través do espazo’ arrancou este venres en CCSS e da Comunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/10/2022

A finais de 2021, Helena Girón e Samuel Delgado estreaban no Festival Internacional de Venecia a súa primeira longametraxe, Eles transportan a morte, que sumaría no prestixioso certame italiano o seu primeiro galardón, tras os que logo chegarían os acadados no Festival Internacional de Cine de San Sebastián e en Novos Cinemas. Da man do festival pontevedrés e da Vicerreitoría do campus, estes dous cineastas, docentes e artistas audiovisuais iniciaron este venres o seu labor de titorización de dez estudantes e titulados no proceso de creación dunha curtametraxe que se estreará na próxima edición do festival. Baixo o titulo de Como vibracións a través do espazo, Girón e Delgado exercen como docentes dun obradoiro no que propoñen ás e aos estudantes seleccionados explorar o carácter máis sensorial do cinema e as posibilidades que a “interrelación entre o son e a imaxe” pode achegar ás estruturas narrativas.

Inserido no programa formativo #Aula de Novos Cinemas, trátase da sétima edición do taller no que cada ano un cineasta guía ao alumnado do campus na realización dunha serie de obras que se presentan na primeira xornada do festival. Licenciados en Comunicación Audiovisual pola Universidad Carlos III de Madrid, Girón e Delgado combinan o seu traballo no eido do cine e a performance co seu labor como docentes na Escuela Cinematográfica y del Audiovisual de Madrid, na Elías Querejeta Zine Eskola de Donosti e no Instituto de Formación e Investigación Cinematográfica de Tenerife. Esa combinación de facetas foi precisamente un dos motivos da súa elección como responsables deste taller, como salientou na súa inauguración o codirector de Novos Cinemas, Suso Novás.

A apertura deste obradoiro de 24 horas, que combina as sesións de traballo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coas titorías virtuais, contou tamén coa intervención da vicerreitora do campus, Eva Lantarón, que incidiu no positivo da colaboración con Novos Cinemas, que ademais implica a estudantes de diferentes titulacións. Seleccionados nunha convocatoria aberta tanto a alumnado de grao e posgrao como a egresados e egresadas no pasado curso, para participar neste obradoiro foi seleccionado tanto alumnado de grao e posgrao de Belas Artes como estudantes de Comunicación Audiovisual. A eles Lantarón lembroulles o interesante dunha iniciativa que “é unha aprendizaxe para vós, pero que vaivos axudar tamén a decidir por onde queredes seguir o voso desenvolvemento profesional”. No lado contrario, Girón incidiu na aprendizaxe que actividades como esta supuñan para eles mesmos. “Axúdannos a distanciarnos do noso propio traballo e ir redescubrindo cousas que tiñas case esquecidas”, salientou a cineasta dunha actividade que lles permite “nutrinos de persoas doutras xeración e aprender moitas cousas”. 

A alquimia da imaxe e o son 

“Todos sabemos que o cine non é máis que a alquimia entre e a imaxe e o son, pero creo que eles manexan perfectamente esa alquimia, porque ademais traballan con celuloide, cun material que para moita xente está obsoleto pero que dá unha maxia e unha estética moi especial ás propostas que desenvolven”, engadiu Novás na presentación deste taller. Nese senso, afondar na “interrelación” entre imaxe e son, co fin de “experimentar as posibilidades que o cinema nos ofrece á hora de xerar experiencias sensoriais únicas” e estudar a “posta en práctica de novas ferramentas e estratexias, tanto dentro de códigos á ficción como a non ficción”, como sinalan os seus responsables, constitúen os eixos centrais deste obradoiro, que se abría cunha xornada dedicada a afondar en “diferentes fontes estéticas” para centrar as seguintes sesións presenciais no traballo cos materiais que vaian xerando os participantes.

“Interesábanos explorar un pouco esa relación entre o son e a imaxe para, precisamente, crear obras que desenvolvan esa parte máis táctil e sensorial que ten tamén o cinema”, salienta Girón dun taller no que convidan ao alumnado a “pensar en narrativas que combinen a parte máis argumental con esa parte máis sensorial”, como engade Delgado. “Nós ao final, estamos sempre movéndonos entre eses dous campos e parécenos interesante ver que pasa se esas estruturas narrativas que se soen aplicar aos argumentos, aplicámolas tamén a cuestións sensoriais, como pode ser o desenvolvemento do son, ou as cuestións lumínicas”, sinala este cineasta. 

Sara Alonso, Fernando Areal, Antía Encisa, Alejandro Fernández, Tamara Goberna, Alejandro López, Alba Pérez, Ana Laura Rodríguez, Andrea San Miguel e Enrique Pena son os dez seleccionados para participar nunha actividade que se completará o 13 de decembro no Teatro Principal coa estrea das súas curtas. “Que o público poida coñecer o teu traballo véxoo algo moi positivo”, salientaba nese senso Alba Pérez, estudante de Belas Artes, ao que a tamén alumna desta facultade Sara Alonso engadía “a moi boa oportunidade” que este obradoiro supuña á hora de traballar con Girón e Delgado, “dos que vira xa algunhas pezas e gustáranme moito”.