DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentadas polo Campus do Mar no espazo institucional da Xunta de Galicia en Conxemar

Dez patentes, dez técnicas que identifican “inequivocamente” as principais especies mariñas comercializadas en Galicia

O principal obxectivo é o control do fraude, tanto ao consumidor como na cadea de distribución

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/10/2013

Pescada, centola, lagostinos, camaróns, ameixas e navallas son algunhas das especies mariñas máis comercializadas en Galicia pero a miúdo son tamén obxecto de fraude, sobre todo, cando se converten en subprodutos comerciais elaborados nos que a súa identificación é moito máis complexa. Evitar estas estafas, tanto ao consumidor como na cadea de distribución, e garantir o control da calidade, etiquetado, orixe xeográfica e trazabilidade das especias, son os obxectivos prioritarios da primeira carteira de resultados de investigación do Campus do Mar, dez tecnoloxías innovadoras que hoxe se presentaron ‘en sociedade’ aproveitando a celebración en Vigo da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar, onde se dan cita empresas e institucións de 36 países.

“Que mellor lugar para dar a coñecer estas ferramentas de identificación ca en Conxemar onde se reúnen boa parte das entidades, tanto públicas como privadas, relacionadas coa pesca e a xestión dos recursos pesqueiros que poden ter interese neste tipo de tecnoloxías”, subliña Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia de Tecnoloxía do Campus do Mar, que foi a encargada de facer unha breve introdución dunha carteira de produtos composta por dez patentes/resultados de investigación das tres universidades galegas, Instituto Español de Oceanografía e CSIC.

A presentación, que incluíu o reparto de diferente material gráfico, tivo lugar no espazo institucional da Xunta de Galicia en Conxemar “a onde fomos convidados pola Consellaría do Medio Rural e Mar”, salienta Quelle, que estivo acompañada por parte dos autores das patentes.

O que mercamos, é de verdade pescada?

A importancia da pescada nos nosos mercados non pasa desapercibida para os diferentes grupos de investigación de Campus do Mar e por iso tres das patentes presentadas teñen esta especie como eixe central. As tres teñen selo vigués, dúas foron desenvoltas polo Grupo de Recursos Xenéticos Mariños da Universidade de Vigo e a outra por investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.

As dúas patentes desenvoltas na Universidade buscan a identificación das diferentes especies de pescada, unha centrada na cadea alimentaria e, a outra, en produtos elaborados, dúas cuestións de elevado interese xa que a identificación das especies nos subprodutos comerciais faise moito máis complexa tras os tratamentos térmicos, mecánicos e químicos aos que son sometidos pola industria. España é o primeiro país produtor de pescada europea pero coa entrada de novas especies nos mercados europeos é necesario ampliar o control da orixe, autenticidade, calidade e o correcto etiquetado das especies e produtos procesados da pescada. O procedemento desenvolto polos investigadores vigueses detecta a presenza de pescada nunha mostra de produto fresco, conxelado e/ou precociñado, nos seus diversos formatos comerciais e facilita a posterior identificación xenética inequívoca da especie analizada.

Centolas, navallas, ameixas, lagostinos e camaróns ‘con patente propia’

Desenvolta por un equipo de investigadores da Facultade de Ciencias do Mar, outra das patentes presentadas céntrase na identificación rápida da centola europea do Atlántico fronte as demais especies, o que permite a súa autentificación para a produción en acuicultura e o control e inspección das importacións, entre outros aspectos. É outro dos exemplos de especie comercial ‘con patente propia’, pero a listaxe é ampla e inclúe outras especies como as navallas, as ameixas e os lagostinos e camaróns.

Ademais a carteira de resultados de investigación do Campus do Mar, inclúe tamén o software Govocitos, unha ferramenta de doado manexo que posibilita a estimación automatizada de fecundidade en peixes e que foi desenvolta por investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e do Instituto de Investigacións Mariñas.

Especificamente dirixidos á industria transformadora de produtos do mar, durante a presentación en Conxemar presentáronse tamén dous métodos de extracción de ADN de alta calidade, un de carácter ‘universal’, “o máis rápido dos existentes na actualidade e tamén o máis universal, xa que é aplicable a humanos, animais e plantas”, e outro específico para os moluscos bivalvos, ambos os dous desenvoltos por investigadores da Universidade da Coruña.

Tecnoloxía rápida, sinxela e a baixo custe

Entre as principais vantaxes e aspectos innovadores destas ferramentas destacan o feito de que son técnicas sinxelas e de rápida execución e que se trata de tecnoloxía a baixo custe, ata o punto de que nalgún dos casos o prezo pode reducirse ata un 66% respecto a outros procedementos similares.

A industria da pesca, os laboratorios de control e inspección de calidade alimentaria, a administración de xestión de pesqueiras, organizacións de consumidores e os laboratorios de tecnoloxía alimentaria sitúanse entre os posibles usuarios destas novas ferramentas tecnolóxicas.

Achegar as invencións ao mercado

Entre os asistentes á presentación estaba tamén a directora da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, Ángeles López, que amosou o seu desexo de que se poidan ir incorporando máis produtos a esta carteira para intentar transferilos á sociedade. Tamén incidiu na importancia de que as investigacións cheguen ao mercado a investigadora da USC, Eva Cernadas, que subliñou que "si se invisten fondos públicos en facer algo que se precisaba é interesante que se empregue e que non quede aí coma moitos outros produtos da investigación".

Con respecto á inicitiva da carteira de patentes de Campus do Mar, tanto López como Cernadas coincidiron en que se trata "dun magnífico xeito de dar a coñecer os traballos dos grupos de investigación que se están desenvolvendo en Campus do Mar e unha boa forma de dar saída no mercado a estas invencións".