DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro estudantes poderán participar nas estadías do proxecto ‘Lapassion’ en Brasil e Uruguai

Dez semanas en América Latina para desenvolver proxectos que impliquen melloras reais

O prazo de presentación de candidaturas permanece aberto ata o 14 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/12/2018

Entre os meses de marzo e maio de 2019, equipos integrados por estudantes de diferentes titulacións de 15 institucións académicas de España, Portugal, Finlandia, Brasil, Chile e Uruguai reuniranse na cidade brasileira de São Luís e en Montevideo para desenvolver, en equipos interdisdisciplinares, unha serie de proxectos que promovan melloras reais para as comunidades destas zonas. Proxectos relacionados coa mellora do índice do desenvolvemento humano no estado brasileiro de Maranhão, no primeiro caso, e no coas condicións de vida da infancia, no segundo, que se enmarcan nas actividades do proxecto europeo Lapassion (Latin-America Practices and Soft Skills for Innovation Oriented Network), do que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, é unha das 15 institucións participantes, o que permitirá que catro estudantes do campus poidan formar parte dos grupos que, nunha estadía de dez semanas, darán forma a estes proxectos.

O Instituto Federal de Maranhão, no Brasil, e a Universidad de la República e a Universidad Tecnolóxica de Uruguai serán as sedes nas que se leven a cabo unhas estadías ás que poden optar as e os estudantes de grao e mestrado das diferentes titulacións que se imparten no campus pontevedrés, segundo recolle a convocatoria de dúas axudas de viaxe e estadía, cunha dotación económica de preto de 4000 euros, para cada unha das sedes.

Presentacións en diferentes facultades

“É unha oportunidade moi enriquecedora de traballar nunha contorna totalmente diferente á habitual, cunha metodoloxía tamén diferente”, sinala o director do Campus Crea, Carlos Souto, dunha convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a que permanece aberto, ata o 14 de decembro, o prazo de presentación de solicitudes, ás que o alumnado deberá achegar tamén o seu currículo e a acreditación oficial de que posúe un nivel B1 en inglés. Co propósito de “darlles información sobre en que consisten os proxectos”, o vindeiro luns 10 de decembro levaranse a cabo unha serie de presentacións, ás 9.30 horas na Facultade de Ciencias Sociais, ás 11.30 horas en Ciencias da Educación e, por último, ás 13.30 en Belas Artes.

Financiado polo programa europeo Erasmus+, Lapassion é un proxecto coordinado polo Instituto Politécnico do Porto e que, como recolle, a convocatoria, ten como obxectivos principais “dotar ao alumnado de competencias trasnsversais” a través do desenvolvemento destes proxectos multidisciplinares xunto a estudantes doutros países e áreas de coñecemento, así “aumentar a cultura de innovación das institucións de educación superior e a súa conexión con empresas e organizacións”. Neses obxectivos, engade Souto, estas estadías permitirán ao alumnado “desenvolver o que se chaman competencias transversais, que significan traballo en grupo, interactuar, deseñar proxectos colaborativos....”, e facelo ademais a través de iniciativas vinculadas directamente coa sociedade, “porque son proxectos que van ter unha aplicación práctica". Trátase, sinala Souto, “de desenvolver iniciativas que melloren a vida das persoas”, de definir e desenvolver, como recolle a convocatoria, “ideas innovadoras para solucionar desafíos do século XXI en diferentes áreas”, coa implicación tamén de empresas e organizacións dos países nos que se desenvolverán estas iniciativas.

Participación de investigadores do campus

Vigo e Salamanca son as únicas universidades españolas participantes en Lapassion, proxecto no que a institución viguesa participa tamén coa presenza de investigadores e investigadoras nas accións formativas que se veñen desenvolvendo en América Latina. Así o fixeron neste mes de novembro a decana de Belas Artes, Silvia García, e o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Vacárcel, que tomaron parte nos encontros desenvolvidos en Montevideo e São Luís, respectivamente, e que serviron tamén como preparación das estadías.

“Penso que vai ser unha experiencia moi boa para os estudantes”, sinala Valcárcel tras participar no encontro centrado nos proxectos dirixidos a mellora do índice de desenvolvemento humano que, a proposta do propio goberno do Estado de Maranhão, no marco do seu programa Mais IHD, se van desenvolver nesta cidade. Proxectos que, como salienta, articularanse en base á metodoloxía do design thinking, que foi un dos eixos deste encontro no que profesorado das diferentes institucións participantes en Lapassion achegou unha serie de iniciativas aos investigadores e investigadoras que exercerán como titores dos proxectos. O desenvolvemento de proxectos colaborativos foi nese senso o eixo da intervención de Valcárcel, mentres que García centrou a súa intervención en Montevideo nas experiencias levadas a cabo en Belas Artes con nenos e nenas con discapacidade visual. “En Uruguai, o tema dos proxectos será a mellora das condicións de vida da infancia e os nenos e nenas con algún tipo de discapacidade son unha minoría bastante invisibilizada, polo que pode ser unha temática interesante para grupos interdisciplinares de estudantes”, sinala García dun encontro que serviu “como unha posta en común de distintas experiencias para así poder avanzar na programación dos encontros”.