DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito acollerá a celebración dun Módulo Jean Monnet centrado nesta temática

Dez sesións para analizar o Pacto Verde Europeo

Aberto á inscrición das persoas interesadas, especialmente alumnado de Dereito e Ambientais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 10/02/2022

O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019 representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a Unión Europea nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non haxa emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Co obxectivo de achegar esta estratexia de futuro ao alumnado universitario, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá do 18 de marzo ao 27 de maio o Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas.

A iniciativa, que celebra a súa primeira edición, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris, e forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola propia Laura Movilla. Concretamente, o curso agora lanzado, do que se celebrarán tres edicións, esta primeira e dúas máis nos dous vindeiros anos, constituirá a actividade formativa principal ofrecida polo módulo, aínda que tamén ao seu abeiro se porán en marcha outras actividades complementarias e dirixidas a público máis específico.

Tanto o módulo como concretamente o curso que se realizará os vindeiros meses no campus, explica Laura Movilla, “comparten os mesmo obxectivos de dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco do Pacto Verde Europeo e as súas principais estratexias temáticas”. Esta estratexia da UE, indican desde a organización da actividade, pretende protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE, e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e dos impactos relacionados co medio ambiente. “Esta transición deber ser, ademais, xusta e inclusiva”, apuntan. O Pacto Verde Europeo tamén forma parte da estratexia da Comisión Europea para aplicar a Axenda 2030 das Nacións Unidas.

Da biodiversidade á paisaxe

Ao longo do curso Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas, de 40 horas de formación presencial, profesorado de distintas universidades españolas especialistas na materia analizará os principais contidos e desenvolvementos deste pacto que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos próximos anos. A programación da iniciativa desenvolverase en dez sesións que terán lugar cada venres entre o 18 de marzo e o 27 de maio na Facultade de Dereito do campus de Ourense e contarán coa participación de profesorado principalmente da Universidade de Vigo pero tamén das universidades de Valladolid, Murcia e Barcelona. A formación comezará con diversas introducións á axenda global do medio ambiente e a sostibilidade; á política e ao dereito ambiental da UE e ao camiño cara unha UE climaticamente neutra en 2050. A protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario; as enerxías limpas e a mobilidade, a construción e a renovación sostibles; a loita contra a contaminación e o fomento da economía circular e a UE como líder ambiental global serán outros dos temas abordados. O Pacto Verde Europeo en relación coa política marítima integrada da UE, co política de augas e a paisaxe e seu carácter interdisciplinar completarán a programación desta formación.

A actividade, apuntan desde a súa organización, é de especial interese para o alumnado dos graos de Dereito e de Ciencias Ambientais do campus de Ourense pero está igualmente aberto á inscrición do alumnado da Universidade de Vigo, de profesionais do ámbito xurídico e ambiental e do público en xeral interesado. A inscrición é de balde e está aberta ata o 16 de marzo, habendo 45 prazas dispoñibles que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.