DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As relacións e paralelismo entre películas centran o obradoiro ´Reflexos fílmicos’

Dez sesións de cinema comparado

Impartido por José Manuel López e Diana Ramahí

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/10/2018

O medo ao oculto como nexo entre a película O bosque de M. Night Shyamalan e un filme xaponés da década de 1960, Onibaba de Kaneto Shindô, o réquiem como lazo entre a Lexión invencible de John Ford e Dublineses de John Huston, ou o modo de operar das organizacións criminais como vía para conectar Mátaos suavemente de Andrew Dominik coa serie The Wire. Así ata un total de dez relacións entre filmes de diferentes épocas, orixes e xéneros serven como eixo condutor das dez sesións de Reflexos fílmicos. Obradoiro de cinema comparado, un taller que propón un achegamento á sétima arte a través da comparación directa entre obras que, apuntan os seus responsables, “nun principio podería parecer que non teñen relación ou puntos en común entre si”.

Inserido no programa de obradoiros, abertos a toda a cidadanía, que a Vicerreitoría do campus puxo en marcha neste primeiro cuadrimestre, o taller que desde setembro se desenvolve na Casa das Campás parte “dunha tradición que hai nos estudos culturais, sobre todo en literatura, onde existe a literatura comparada, pero que en cine é algo menos habitual”, como recoñece o crítico, programador e profesor asociado da Universidade José Manuel López, responsable de impartir este taller xunto á profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e directora do mesmo Diana Ramahí. “En España hai poucas publicacións sobre este tema e que eu saiba só unha universidade ofrece cinema comparado como materia, pero, no fondo, estou convencido de que é a base do propio acto de facer películas”, salienta López, que formou parte do consello de redacción de Caimán. Cuadernos de Cine e que pon o acento en que “como críticos ou como espectadores, o primeiro reflexo que temos ao ver algo pode levarnos a unha película anterior, a un libro a unha obra de arte...”. De aí que incida en como trazar paralelismos entre obras pode axudar a “para entender o cinema como unha especie de obra de arte total, como unha confluencia doutras artes”.

Dez fíos, dez comparacións

15 estudantes, todos eles alumnas e alumnos do grao en Comunicación Audiovisual, “todos moi interesados polo cine”, asisten nestas semanas á primeira edición dun obradoiro no que cada sesión se articula en torno a un nexo de unión, ben temático, ben relativo a cuestións formais ou estéticas, a partires do que se propón unha comparación entre dúas longametraxes, coa única excepción da serie de The Wire, que tamén figura entre as obras seleccionadas. “A miña intención era non centrarme só en cinema contemporáneo ou en cinema clásico de Hollywood”, apunta López Fernández de dez comparacións que en moitos dos casos non se articulan nunha relación evidente nun “nunha influencia recoñecida”, o que o levou, por exemplo, a propor un achegamento “a situacións que vivían e seguen vivindo as mulleres”, vinculando un filme norteamericano de 2015, Carol de Todd Haynes, cunha película xaponesa de 1960, Cando unha muller sobe a escaleira, de Mikio Naruse.

Deste xeito, as comparacións que en cada sesión se articulan a través da intervención de López e a proxección de fragmentos das obras serven como “disparador”, explica, para un debate que parte das temáticas e paralelismos trazados na sesión para logo achegarse tamén ao exercicio final que cada estudante deberá presentar no remate do obradoiro, e no que debe abordar a súa propia comparación entre dúas obras. “Démoslles absoluta liberdade, poden ser películas, pero tamén libros, cómics, poden pór en relación o tipo de obras que eles prefiran”, explica o responsable de impartir un obradoiro que busca achegar ao alumnado a unha forma de entender e analizar o cine que pasa “pola busca de referencias, paralelismos ou ecos en multitude de artes, referencias que non teñen que estar convocadas directamente polo director ou directora, pero que están aí, xa que hai obras que forman parte do acervo cultural dunha época”.