DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolveuse desde o pasado 24 de febreiro na Facultade de Dereito

Dez sesións despois, remata o módulo Jean Monnet sobre o Pacto Verde Europeo

Arredor de medio centenar de estudantes asistiron a esta acción formativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 05/05/2023

Desde o pasado 24 de febreiro a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu cada venres pola mañá a celebración da acción formativa Jean Monnet O Pacto Verde Europeo. Análise e perspectivas. 54 persoas, principalmente alumnado das facultades de Dereito, Relacións Internacionais e Ciencias, participaron de xeito presencial ou virtual nesta iniciativa, que tivo como obxectivo dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco deste pacto que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos vindeiros anos.

A actividade, que celebrou a súa segunda edición, estivo coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola mesma profesora. Concretamente, o curso rematado este venres, do que se celebrarán en total tres edicións en anos consecutivos (2022, 2023 e 2024), constitúe a actividade formativa principal ofrecida por este módulo, aínda que tamén ao seu abeiro se porán en marcha outras actividades complementarias e dirixidas a público máis específico.

Unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento

Ao longo de dez sesións, profesorado de distintas universidades españolas, especialistas nas respectivas materias tratadas, analizaron neste curso os principais contidos deste pacto, do seu contexto e das súas implicacións. O Pacto Verde Europeo, adoptado en 2019, representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a UE nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Tamén pretende protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e impactos relacionados co medio ambiente.

As conferencias correron a cargo de especialistas de diferentes áreas (principalmente do dereito pero tamén da economía, a historia e a ecoloxía), procedentes das universidades de Vigo (Laura Movilla, Roberto O. Bustillo, Annina Burgin, Belén Sánchez, Luís Domínguez, Emilio Fernández e Alberto Vaquero), Murcia (Teresa M. Navarro), Valladolid (Sara García) e Barcelona (Mar Campins). Nelas abordáronse temas como a axenda global de medio ambiente e a sostibilidade, a política e dereito ambiental na Unión Europea, e o Pacto Verde Europeo en relación a diversos aspectos, desde a política de augas e a paisaxe ou a protección e conservación da biodiversidade ata a agricultura e o sistema alimentario ou as enerxías limpas e a mobilidade.