DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar entre os días 15 e 26 de xuño mediante a aplicación GotoMeeting

Dez xornadas en liña para coñecer as últimas novidades de Scopus

Dende o pasado martes xa é posible prescribirse na actividade

Etiquetas
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
DUVI 09/06/2020

Tras a suspensión, debido á pandemia da COVID-19, da formación presencial para o mes de xuño sobre Scopus, unha base de datos bibliográfica de resumos e citas de artigos de revistas científicas, a Fundación Española Para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) xunto coa editorial Elsevier substituíron dita actividade por unha serie de xornadas extraordinarias e en liña que terán lugar do 15 ao 26 de xuño.

A formación ten como obxectivo dar a coñecer ao persoal investigador e ao persoal bibliotecario as últimas actualizacións e novidades da base de datos Scopus e as funcionalidades deseñadas para as institucións. Para iso, programáronse dez sesións gratuítas de formación en liña de unha hora de duración que se celebrarán a través da ferramenta GoToWebinar e se poderán seguir mediante a aplicación GotoMeeting. A maiores, e coa intención de chegar a todos os usuarios interesados, as sesións repetiranse máis dunha vez en distintos horarios. Porén, en cada unha delas haberá un límite máximo de 500 usuarios, polo que aqueles que non queiran quedar sen praza deberán facer unha prescrición mediante a páxina web da Fecyt nos obradoiros que sexan do seu interese e sempre e cando posúan unha conta de correo de dominio institucional.  Nela recibirán a confirmación da inscrición mediante un e-mail que deberán conservar ata o comezo do curso xa que nel se indicará o enlace mediante o cal acceder á aplicación, que será único para cada usuario.

Dez seminarios para actualizarse en Scopus

Os dez cursos ofertados, independentes entre si, revisarán varios aspectos. No primeiro deles farase unha introdución a Scopus, para seguidamente tratar temas como a busca por materia, o perfil de autor e institucións, as métricas, o cite score, os recursos e a comparación de revistas, a busca avanzada, como traballar cos resultados, ou o aproveitamento dos recursos de Scopus, para finalizar cun 'preguntas e respostas', onde se tratarán todas as dúbidas que xurdiran durante as anteriores sesións. Unha vez finalizadas as xornadas, os asistentes deberán cumprimentar unha enquisa de valoración e, de alí a unhas semanas, seralles remitido un certificado de asistencia.