DUVI

Diario da Universidade de Vigo

150 persoas participan este xoves nas XVI Xornadas Interxeracionais

Un día para a convivencia sen barreiras sociais

Están organizadas por alumnado de Educación Social do campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/04/2019

150 persoas con idades e capacidades moi diversas pero coas mesmas ganas de divertirse déronse cita este xoves pola mañá na Praza Maior de Ourense para participar nas XVI Xornadas Interxeracionais. Ao longo de todo o día, a convivencia, o xogo e a música permitirán a persoas maiores, alumnado universitario, escolares e persoas con diversidade funcional compartir unha xornada diferente na que as barreiras sociais desaparecen.

Múltiples aspectos positivos

A cita está organizada por alumnas e alumnos de primeiro e segundo curso do Grao en Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do centro, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e de Ategal, a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos. Desde a organización salientaron no inicio da actividade como a cita é froito do esforzo de arredor de 70 estudantes do centro, que ao longo de todo o curso académico traballaron na preparación dunha actividade que conseguiu reunir a alumnado universitario, escolares, membros de Ategal e persoas con diversidade funcional de varias entidades de Ourense. Fátima Foade, Sonia Leiro e Tania Gándara destacaron en nome do alumnado organizador o interese destas xornadas polo que supón “a convivencia sen barreiras durante un día de colectivos moi diversos”. Tamén recalcaron como esta  iniciativa conseguiu celebrarse durante 16 anos “pasando a súa organización ano tras ano entre o alumnado” e o feito de que grazas ao traballo que realizan ao longo do curso na súa preparación desenvolven aspectos como “a responsabilidade e o traballo en equipo” nun eido no que no futuro traballarán como educadoras e educadores sociais.

Sobre a iniciativa, Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, subliñou como se trata “dunha actividade de convivencia, non só con persoas maiores e escolares, que era o obxectivo inicial hai xa 16 anos, senón tamén cada vez máis con outros colectivos que teñen que ver coa educación social”, apuntando como o obxectivo destas xornadas é “favorecer o uso da cidade en igualdade, con independencia da idade, condición, etc”. Pola súa banda, desde Ategal Ourense, Marisa Justo, a súa responsable, salientou como os beneficios dos programas interxeracionais “son moi variados, tanto para as persoas maiores como para a mocidade”, indicando como fomentan a positividade, a autoestima, a motivación e as capacidades sociais. Xa desde a visión dos colectivos con diversidade funcional participantes nesta edición, David Varela, educador social de ADO Ourense, apuntou a importancia que ten para os membros da súa entidade “compartir tempo con outros colectivos, non estar só entre eles ou coas súas familias”. Por ser unha experiencia moi positiva para as e os participantes, indicou, levan seis anos acudindo a estas xornadas interxeracionais.

Programación de tarde e mañá

A programación das XVI Xornadas Interxeracionais arrancou como xa é tradición na Praza Maior de Ourense, onde se deron cita as e os participantes dos diferentes colectivos convocados. Alí representantes das diferentes entidades deron lectura a un manifesto no que destacaron como “o obxectivo é rir e gozar todos xuntos nun día no que rachamos as barreiras de idades e capacidades”. Tamén subliñaron o feito de que as xornadas levan 16 anos traballando pola inclusión e polo empoderamento dos diferentes colectivos sociais. A actividade continuou nos Xardíns do Posío coa celebración dun amplo abano de xogos, trasladándose ao campus, concretamente á zona do estanque, para celebrar un pícnic amenizado por Sara e Bruno. Xa pola tarde a actividade incluirá xogos populares e merenda no Edificio de Ferro para rematar cun concerto do grupo Xerock, formado por persoas con diversidade funcional.