DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Investigación Mariña arrancou este venres coas actividades con institutos

O Día da Muller e a Nena na Ciencia, todos os días

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 12/02/2021

Nunha semana coma esta, o Centro de Investigación Mariña da UVigo debería estar compartindo os seus laboratorios con mozos e mozas de institutos da contorna co gallo da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Pero por mor das restricións derivadas da pandemia da covid-19, este ano as actividades estanse a celebrar en modalidade virtual. Este venres foron estudantes de 1º e 2º da ESO do CPR Alborada e do IES do Castro, ambos de Vigo, os que se achegaron, a través da pantalla, ao CIM. O obxectivo é dar a coñecer e sensibilizar ao estudantado de secundaria sobre cuestións de xénero, como o efecto Matilda, que provoca que moitos logros e avances científicos froito do traballo das mulleres se acaben atribuíndo aos seus compañeiros varóns. O alumnado participante tamén puido coñecer outros aspectos como as paredes e os teitos de cristal cos que se topan as mulleres investigadoras ou facer un repaso polas científicas que foron invisibilizadas ao longo da historia, e que na actualidade ocupan tan só o 7% dos libros de textos de Primaria e na ESO, fronte ao 93% de científicos varóns. Ademais, prestouse especial atención ao eido da investigación mariña, co fin de visibilizar e poñer en valor o traballo das científicas en xeral, e do CIM-UVigo en particular, fomentando os roles femininos en ciencia, promoción da igualdade en ciencia, etc.

Charlas, debates e visitas virtuais

A xornada constou dunha videoconferencia e debate coa Asociación Faraxa, na que o alumnado puido reflexionar sobre a necesidade do 11 F, Día da Muller e a Nena na Ciencia. Posteriormente, a investigadora Ana Berbabeu, directora da Área de Investigación da Universidade de Vigo, centrou a súa intervención no esforzo que está a realizar a Universidade de Vigo en materia de igualdade e achegou tamén a súa experiencia persoal como investigadora en eidos como a morfodinámica das praias, a dinámica sedimentaria ou a xeoloxía mariña. 

Finalmente, a aínda que de xeito virtual, os mozos e mozas dos institutos puideron realizar unha visita ás instalacións do CIM e coñecer os laboratorios e os proxectos que desenvolven investigadoras como Elena Ojea, Cristina Sobrino ou Estefanía Paredes. As rapazas e rapaces tamén participaron nun xogo tipo trivial para repasar o papel das mulleres na ciencia e nun debate final. Todas estas actividades repetiranse o vindeiro día 23, desta volta con estudantes de ESO e Bacharelato de CPR Tirso de Molina.