DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sede da Vicerreitoría acolle o luns un coloquio cos artistas Félix Fernández e Ana Gesto

Un diálogo aberto para “dar voz” á performance galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 01/10/2021

“Dar voz aos artistas, que son os verdadeiros protagonistas”. Esa é, como explica o profesor de Belas Artes Carlos Tejo, a idea en torno á que se articula Conversas arredor da performance, un ciclo de coloquios centrado na arte de acción que, tras o parón provocado pola pandemia, desenvolverá o vindeiro luns a súa segunda edición. A Vicerreitoría do campus acollerá, ás 18.00 horas, un coloquio con Félix Fernández e Ana Gesto, dous artistas “moi representativos da escena da performance en Galicia, que poden achegar dúas visións diferentes” desta disciplina, como sinala o coordinador dunha actividade que porá o foco no contexto galego e na situación que atravesa na actualidade a arte de acción.

As premios nacionais Esther Ferrer e Concha Jérez inauguraron hai dous anos un ciclo que se recupera neste 2021, coa vontade de establecerse como unha cita anual e co obxectivo de propor “outro xeito de aproximarse á práctica da performance”, como salienta o seu coordinador. Nese senso, a conversa partirá dunha serie de preguntas que Tejo irá trasladando aos dous participantes e nas que buscará "tratar a problemática no contexto galego, coñecer como ven a práctica da performance hoxe en día, que cousas botan en falta...”, explica. Con prazas limitadas, para as que é necesaria inscrición previa a través do correo carlos.tejo@uvigo.es, trátase dunha proposta que busca promover unha reflexión en torno á arte de acción “diferente do formato habitual dos congresos ou os artigos, complementando a investigación dun xeito un pouco máis informal”, como sinala Tejo, que é tamén codirector, xunto á investigadora e crítica de arte Marta Pol, do congreso internacional sobre performance Fugas e Interferencias, que este venres desenvolve a súa segunda xornada no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Dous nomes de referencia, dous xeitos de achegarse a esta disciplina

Da escolla de Gesto e Fernández como protagonistas destas Conversas arredor da performance (II), Tejo destaca que “escollinos porque levo moito tempo traballando con eles como comisario e penso que teñen unha traxectoria moi importante e son dúas figuras cunhas achegas moi diferentes á performance". Egresados ambos da Facultade de Belas Artes, Ana Gesto combina na súa produción artística a performance coa videocreación e a fotografía, tendo presentado as súas creacións en exposicións e eventos de España, Portugal, Poloña, Alemaña, Noruega e Costa Rica. Da súa traxectoria no eido da arte de acción, Tejo destaca o seu traballo “dun xeito máis íntimo, partindo da historia persoal e levando a cabo unha performance” sustentada nas “ferramentas clásicas” desta disciplina, “que son o espazo, o corpo e o tempo”. Cunha vintena de premios e seleccións para residencias artísticas ao longo de preto de 20 anos de traxectoria artística, Félix Fernández ten desenvolvido performances en espazos como o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, o Grimm Museum de Berlín, o Centro de Arte Contemporánea de Tel Aviv ou Instituto Cervantes de Tokio e da súa práctica Tejo destaca a “mestura” que propón “entre a escena contemporánea, a performance e a música”.