DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tradución correu a cargo do profesor do Centro de Linguas Keith Payne

O 'Diario de Crosses Green' de Martín Veiga presenta a súa edición en inglés

Filoloxía e Tradución acolleu un acto no que estiveron presentes o autor, o tradutor e o editor

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 16/10/2018

Diario de Crosses Green é un poemario de Martín Veiga que saíu do prelo en 2016. Agora, dous anos despois, edítase a súa versión en inglés, traducida por Keith Payne, profesor do Centro de Linguas da Universidade de Vigo. Diary of Crosses Green foi publicado na editorial Francis Boutle Publishers e este martes a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu un acto público de presentación no que estiveron presentes o autor e o tradutor, Veiga e Payne, xunto co editor Clive Boutle e o profesor do Departamento de Tradución e Lingüística Alberto Álvarez Lugrís e escritora Eva Moreda. 

Veiga é poeta e profesor titular de Estudos Hispánicos na University College Cork, onde dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos. É autor de varias obras polas que obtivo prestixiosos premios como Tempo van de porcelana (1990), As últimas ruínas (1994, Premio Espiral Maior), Ollos de ámbar (2005, Premio Esquío), Fundaxes (2006, Premio Fiz Vergara Vilariño) e Diario de Crosses Green (2016). En 2017 recibiu o Premio Pedrón de Honra pola súa traxectoria na promoción e difusión da cultura galega no exterior. A tradución ao inglés de Diario de Crosses Green correu a cargo do profesor Keith Payne, que xa encargou tamén da tradución dos libros Six Galician Poets, (Arc, UK,  2016) e Museums, rooms and trees de Marta Fernández Calvo, (Gobierno de La Rioja, 2017) entre outros volumes. Ademais, Payne foi o gañador do premio Ireland Chair of Poetry Bursary Award 2015-2016 e autor do poemario Broken Hill (Lapwing Press, Belfast, 2015) e co-director de PoemaRia, Festival Internacional de Poesía de Vigo e director de Lecturas a Malinche, intercambios de poetas entre Irlanda e Galicia.

Unha editorial centrada en linguas minoritarias

No mesmo acto presentáronse tamén outras publicacións recentes da editorial Francis Boutle Publishers, como a tradución de Sempre en Galiza de Castelao (Forever in Galicia), Breogán's Lighthouse (escolma de poesía galega editada por Antonio Raúl de Toro Santos) e National Identities at the Crossroads, unha colección de ensaios sobre literatura e cultura ibéricas e galegas editados por Xabier Payá e Laura Sáez. E é que esta editorial ten unha extensa tradición na publicación de obras galegas traducidas ao inglés. Está especializada en historia social, arte e linguas rexionais e minoritarias europeas e publica poesía e prosa, textos predominantemente bilingües, en galego, catalán, saami, romaní, manx, occitano, galés, bretón, frisón e córnico. O seu gran logro é a serie de antoloxías bilingües de Lesser Used Languages of Europe (Linguas europeas minorizadas), que combinan textos históricos e contemporáneos nun volume único. Os próximos títulos no prelo da editorial inclúen obras do gaélico escocés, lingua livonia, latgaliá e feroesa.