DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O corredor do equipo da Universidade de Vigo competía na categoría masculina -14

Diego Pérez, podio no Campionato Galego de Duatlón Orientación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 25/02/2019

O duatlón de orientación é unha modalidade deportiva que conxuga as especialidades de orientación a pé e en bicicleta de montaña. Para o equipo da Universidade de Vigo este tipo de probas non son unha novidade e, de feito, este fin de semana participou en Paderne no Campionato Galego de Duatlón Orientación. A proba, organizada o sábado polo Club O Pasatempo de Betanzos, intégrase dentro do calendario de competicións 2019 da Federación Galega de Orientación e deixou ademais un moi bo resultado para os universitarios, cun podio para Diego Pérez, na categoría infantil masculina -14. 

A proba comezou cunha sección de orientación a pé para continuar coa especialidade de bicicleta e finalizar cunha sección máis curta outra vez a pé. A área pola que discorreu a proba a pé presentaba unha alta variedade de terreos, con áreas con abundancia de camiños así como outras polas que as persoas participantes debían navegar polo bosque. Na sección en bici, a carreira percorreu unha ampla rede de camiños con tramos de distinta ciclabilidade e un desnivel medio/alto. Ademais, e aproveitando a organización e infraestrutura da proba, para as persoas que non participaban na modalidade de duatlón, deseñáronse tres percorridos de orientación a pé, con lonxitude curta, media e longa.