DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición poderá visitarse no campus ata o 1 de febreiro de 2019

Diego Vites trae á Sala Alterarte a súa instalación 'Médrame vulto'

A comisaria é Ania González

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/11/2018

A Sala Alterarte do campus de Ourense acolle desde este mércores a exposición Médrame vulto, do artista Diego Vites e comisariada por Ania González. Trátase dunha instalación “voluminosa” na que o artista pon en interacción diferentes obras da súa traxectoria para trasladar ao público as súas “derivas especulativas” fraguadas entre Ecuador, Illas Canarias e Galicia.  

A mostra, que estará aberta ata o 1 de febreiro de 2019, foi inaugurada este mércores coa participación de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; o artista Diego Vites e a comisaria Ania González. A súa chegada ao campus de Ourense faise no marco do proxecto expositivo desta sala Estado Crítico 4. 14 Curadores 14 Artistas, na que 14 comisarios e comisarias elixen a outros tantos artistas para realizar as súas respectivas exposicións en Alterarte.

Paixóns que medran

“Á noite recolléndome a durmir, sentín sobre min un vulto pesado e espantoso, que aínda que me fixo espertar, quedei como atados os sentidos, sen poderse a alma desembarazar, aínda que me parece estaba moi en min, e procuraba botalo con toda a forza, polas moitas tentacións que me traía”. Estas palabras da monxa colombiana Francisca Josefa de la Concepción del Castillo de 1942 son as que inspiran a mostra inaugurada este mércores no campus e así queda plasmado nela. Tomando a idea destas “paixóns” que vivían as monxas e contra as que intentaban loitar, na mostra o creador sinala como tratou de “abandonarse a ese vulto que medra por riba dun e metelo todo na sala”.  

Sobre a exposición, o seu creador comenta como se trata dunha “instalación conxunta de varias pezas que forman tres bloques, unha instalación compacta na que esas pezas que individualmente formaron parte doutras exposicións aquí se resignifican e nese xuntarse contan unhas microhistorias”.  Así, composicións de imaxes relacionadas con Ecuador, Galicia e Illas Canarias, considerados tanto como escenario reais como conceptuais, trasladan á Sala Alterarte cuestións do “devir migratorio” do seu creador. “Fago a miña obra en relación aos paralelismos que atopo e as especulacións que manteño entre estes tres puntos. Uso dalgunha maneira a miña historia persoal e a historia destes lugares. A mostra é o vulto onde se xuntan todas esas paixóns”, comenta Diego Vites.

O creador sinala como na elaboración da súa obra traballa moito coa investigación en contextos artísticos desligados da arte contemporánea, como poden ser artesáns ou a tradición popular. “Traballo con eles pezas que logo se integran no circuíto da arte contemporánea”, comenta. Tamén, indica, na mostra “hai moito apropiacionismo doutros artistas, doutras pezas”.  Como exemplo Vites apunta como na exposición se inclúe unha peza feita en colaboración cun pintor indíxena de Ecuador na que as figuras do entroido ourensán se integran na cosmovisión dese pintor e do folclore do país latinoamericano. Por último, o artista tamén salienta como coa instalación ubicada na Sala Alterarte quixo “escapar de exposición máis sutís, máis discretas” e facer unha “obra máis voluminosa, unha parte máis instalativa” aproveitando as posibilidades da proximidade do seu taller en Santiago de Compostela.

A visión da comisaria

Segundo explica a comisaria da mostra, “Médrame vulto é unha forma soa en permanente zona de cruce entre territorios periféricos que atravesan a Diego Vites: as Illas Canarias, Ecuador e Galicia e trastornan a súa mirada nunha máquina especulativa que non cesa de alucinar no seu relato. Guanches, droga, Colón, pedras, danzantes, prostitutas e pintura. Un vulto que, como o que espantaba á monxa latinoamericana Madre Francisca Josefa de la Concepción del Castillo no século XVIII atándolle os sentidos, ata tamén aquí as narrativas expositivas, aínda as menos hexemónicas, que non deixan de impoñer, cada vez que afrontamos unha montaxe, a súa soberanía formal”. A proposta do artista Diego Vites, engade Ania González, “traslada o estado actual, en bruto, da busca estética do artista no interior da súa propia historia, a presenza, en vulto, do seu pensamento-acción”.