DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O dietista Jorge Ascariz impartiu unha conferencia dentro da Semana da Creatividade e da Innovación

A dieta mediterránea, base dunha alimentación saudable

Avogou tamén por consumir produtos de tempada e proximidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/04/2021

O aceite de oliva como principal graxa de adición, o consumo frecuente de froita, verduras, legumes e froitos secos, comer máis peixe que carne... Estas foron algunhas das recomendacións que o dietista Jorge Ascariz achegou este xoves aos asistentes a un relatorio sobre pautas de alimentación saudable, inserida no ciclo de conferencias promovido pola Vicerreitoría do campus e o Consello Social da Universidade de Vigo no marco da Semana da Creatividade e da Innovación. Pautas que se corresponden todas elas cos elementos que definen a dieta mediterránea, como sinalou no final do seu relatorio, que puido seguirse tanto de xeito presencial na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como de forma virtual a través de Campus Remoto.

Presentado polo director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, este coloquio tivo como obxecto abordar as características que debería ter unha dieta saudable e nel Ascariz salientou en primeiro termo as propiedades antioxidantes e cardioprotectoras do aceite de oliva, un dos elementos clave da dieta mediterránea. A partires de aí, foi afondando nos diferentes alimentos que deberían formar parte desa dieta e nas doses nas que deberían consumirse, incidindo na necesidadde de “non abusar da carne”, na importancia que ten o consumo diario de froitas e verduras, na posibilidade de comer ovos varias veces por semana ou no feito de que "moitas veces os adultos esquecémonos de que temos que beber e que auga ten que ser a nosa bebida por excelencia"... Ao mesmo tempo, Ascariz buscou tamén “desmitificar ese veleno que parecen agora os hidratos de carbono, que tamén forman parte da dieta, pero dunha maneira determinada”, pondo de relevo á súa vez a importancia de reducir o consumo de alimentos “ultraprocesados” e de doces. Finalmente, este dietista tamén fixo énfase na importancia de realizar actividade física, “xa que unha dieta saudable por si soa non fai nada”. 

Produtos de proximidade e de tempada

Á hora de definir unha dieta saudable, Ascariz avogou por optar polos produtos de proximidade e de tempada, “polas súas características organolépticas e boas propiedades nutritivas”, pondo de relevo que en Galicia existe gran variedade de produtos, de tal xeito que poidan evitarse cuestións como "que traiamos as sandías de Australia”, contribuíndo así a diminuír a pegada de carbono xerada polo transporte. Ao mesmo tempo, puxo o acento na importancia de comer variedade de alimentos e de facelo ademais varias veces ao día, lembrando nese senso que “polas présas, cada vez facemos menos comidas ao día e menos variadas”, á vez que se recorre en maior medida “a alimentos ultraprocesados e hidratos de carbono non saudables”. 

Economía sustentable

Tralo relatorio deste xoves, o ciclo de conferencias da Semana da Creatividade e da Innovación péchase este venres, ás 13.00 horas, cun relatorio do profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e responsable do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia (GIEEAH), Xavier Simón. Titulado Economía ecolóxica, novas ideas para a sustentabilidade, esta actividade poderá seguirse tamén tanto de xeito presencial, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, como a través de Campus Remoto.