DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Autónoma de Madrid Pablo de Lora participa nas Xornadas Feminismo e teoría do dereito

“A dificultade de probar os feitos, a súa cualificación xurídica e a presunción de inocencia fan que o caso da Manada sexa moi complexo”

A segunda conferencia do ciclo será o día 15 en Ourense e Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 25/10/2018

Xusto o día no que se coñecía a expulsión das Forzas Armadas do militar da Manada, Alfonso Jesús Cabezuelo, os campus de Ourense e Vigo acollían a primeira sesión das Xornadas Feminismo e teoría do dereito. A sentenza de La Manada a debate. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo profesor da Universidade de Vigo, Pablo Bonorino co patrocinio da Unidade de Igualdade, e orientada ao alumnado coa finalidade de que poida debater e coñecer a opinión de dous expertos que teñen amosado publicamente con anterioridade dúas posturas ben diferentes sobre a sentenza. Trátase, deste xeito, de que os estudantes de Dereito vaian un paso máis aló do que vai a sociedade en xeral, que coñezan as complexidades do caso e que afonden cos seus profesores nas implicacións xurídicas do caso.
Na primeira das xornadas, que se celebrou primeiro en Ourense e despois en Vigo, o convidado foi Pablo de Lora, profesor de Filosofía do Dereito da Universidade Autónoma da Madrid, mentres que o 15 de novembro achegará a súa postura a profesora da Universidade de Alacante Concepción Torres (en Ourense ás 09.30 h e en Vigo ás 11.30 h).

Tres claves dun caso “moi difícil”

Pablo de Lora comezou a súa intervención debuxando o contexto da revolución sexual e a emancipación da muller a partir da década de 1960, para despois reflexionar sobre o sexo dende o pensamento liberal, a concepción casual do sexo e o consentimento como limite para determinar cando as relacións son aceptables. Tras facer unha confrontación entre a concepción casual e a concepción significativa do sexo e debater co alumnado sobre as implicacións do consentimento nos actos sexuais, fixo unha valoración sobre a sentenza da Manada. Recoñeceu non ter unha posición “robusta” sobre a sentenza, pero “paréceme que é un caso moi difícil, no que creo que hai que deslindar tres grandes cuestións”. A primeira delas ten que ver coa cuestión probatoria, explicaba De Lora, “hai que delimitar cales son os feitos que podemos determinar como probados, comezando por determinar cando comezan os mesmos”. Segundo o profesor, a sentenza declara como feitos probados “cousas que suceden a partir do primeiro encontro da vítima cos cinco individuos da Manada”, lembrando que os feitos “non arrancan nun portal, senón na praza do Castillo moito antes e, ata chegar ao portal, suceden cousas que o tribunal ten que valorar”.  Considera un intre clave cando a vítima e os acusados se achegaron a un hotel no que solicitan “unha habitación para follar”, relataba o poñente, que engadía que “é discutible se ela escoita ou non o que o membro da Manada fala co conserxe do hotel”. Tamén considera relevante que a moza dese un bico a un dos mozos e o xeito no que, ben entra ou ben é introducida no portal. Esta é, para De Lora, a primeira cuestión clave, “a complexidade de determinar os feitos probados”.

Un segundo tema, “que é a gran cuestión dende o punto de vista penal”, é a cualificación xurídica dos feitos, “que se move nunha moi delgada liña”. De Lora recoñecía que a gran pregunta é saber se houbo violencia e “creo que hai consenso en descartalo, a clave está en determinar se houbo ou non intimidación”. Se a relación sexual non foi consentida porque mediou intimidación, “estamos ante un suposto de agresión”, explicaba o profesor e, se pola contra, non houbo intimidación senón prevalecemento, “entón baixamos da cualificación xurídica de agresión á de abuso sexual”. Dende o seu punto de vista, “se damos por probados os feitos, entón houbo intimidación e, polo tanto, houbo unha agresión”. En todo caso, o profesor considera que “a condena non é lixeira, foron condenados a nove anos, ademais doutras medidas accesorias”.

O terceiro grande asunto a ter en conta neste caso é a garantía penal máxima, “o principio de presunción de inocencia que leva a ter un estándar moi esixente”, remarcaba. Neste sentido, destacaba que “non se pode condenar se existe dúbida razoable”, cousa que segundo o docente “había neste caso sobre o consentimento dela”. Este é o argumento do maxistrado que emitiu unha opinión disidente, que considera que ante esa dúbida “os acusados deberon ser absoltos”. 

En resumo, para De Lora, a dificultade de probar os feitos, a súa cualificación xurídica e a presunción de inocencia son os tres factores clave que fan que este caso “sexa moi complexo”.