Cunha conferencia da profesora da facultade Vitoria Canoura
Dirección e Xestión Pública conmemora o 8M reflexionando sobre os nesgos de xénero na intelixencia artificial
O relatorio centrouse no seu uso por parte das administracións
Máis aló do acto institucional que a Universidade de Vigo celebraba o pasado 5 de marzo, diferentes facultades e escolas dos tres campus veñen sumándose nestas semanas á conmemoración do Día Internacional da Muller con actos como o que este luns promovía a Facultade de Dirección e Xestión Pública. Presentado pola vicedecana de Captación, Empregabilidade e Mobilidade, Sara Torres, este acto estivo centrado, explicou, en “mirar a intelixencia artificial desde a perspectiva de xénero”, a través dun relatorio da profesora Vitoria Canoura, centrado no uso destas ferramentas por parte das administracións. O evento completouse, explicou Torres, coa presentación dun proxecto de innovación docente coordinado polo profesor Guillén Lamas, no que o alumnado da materia Socioloxía Xeral abordou “en que medida a música, como produto cultural, é unha expresión dos valores da sociedade”.
Profesora da facultade e investigadora do Observatorio da Gobernanza G3, Canoura buscou na súa conferencia amosar ao alumnado “como a intelixencia artificial traduce as desigualdades da vida cotiá, da realidade que temos”, o que levouna a incidir nos nesgos de xénero presentes “nos datos que utiliza ou incluso nos algoritmos que emprega para chegar a determinadas conclusións”. Partindo deste marco, puxo o foco nos diferentes usos desta tecnoloxía por parte das administracións públicas, desde “chatbots que se utilizan para inteactuar coa cidadanía” a ferramentas como o sistema de seguimento de casos de violencia de xénero VioGén. Ao mesmo tempo, presentou tamén diferentes exemplos dos nesgos destas ferramentas, derivados da “información de base que están utilizando”. Canoura referiuse, por exemplo, aos programas de recoñecemento facial, “que están adestrados masivamente con caras masculinas”, o que fai que as posibilidades de erro sexan maiores coas facianas femininas. “Isto pode ocasionar desde que non poidas subir a un avión a que teñas máis risco de que non che deixen acceder a unha asistencia sanitaria”, apuntou a docente, que lembrou que este tipo de ferramentas xa están a empregar en Ceuta e Melilla no eido da sanidade “para que non haxa unha suplantación de identidade”.
Non obstante, Canoura quixo afandar nas“vantaxes que pode ter” esta tecnoloxía, que, por exemplo, pode axudar “a detectar nesgos de xénero nas políticas públicas”, dada a súa capacidade para analizar gran cantidade de datos. “A cuestión é que se sabemos que nesgos teñen, podemos utilizalas para o contrario”, concluíu, de tal xeito que non só eviten eses nesegos senón que tamén “nos axuden dalgunha maneira a mellorar na igualdade”.
