Nun acto de homenaxe aos alumnos e alumnas que son tamén deportistas federados
Dirección e Xestión Pública pon en valor o esforzo de combinar deporte e estudos
A facultade traballa tamén na renovación do convenio coa Universidade de Sao Paulo
Pór en valor o esforzo que supón combinar a formación universitaria co deporte federado era o obxectivo central do acto promovido este mércores pola Facultade de Dirección e Xestión Pública e que serviu ademais para pór peche ao programa de actividades conmemorativas do 25 aniversario da implantación destes estudos na UVigo neste primeiro cuadrimestre. “Consideramos que dentro dunha universidade pública, aqueles a aquelas que ademais de estudar están a facer un deporte profesional ou federado, realizan un esforzo en paralelo que hai que poñer en valor”, salientou o decano, Enrique Varela, nun acto dedicado ás e aos 14 estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública que son tamén deportistas federados. Entre eles, Eneritz Dapena, campioa de España de ximnasia de trampolín na modalidade de tumbling en categoría pre-senior, e o piragüista Noel Domínguez, que conta con varias medallas en campionatos do mundo e de Europa sub23, que puxeron de relevo a importancia dos valores que achega a práctica deportiva.
“O deporte prepáranos para a vida, igual que a universidade”
Entre eses valores atópanse “a disciplina, o compromiso, a constancia, aprender a tolerar a frustración, a facer sacrificios e a comprender o valor de cada vitoria, por pequena que poida ser”, como sinalaba Dapena, que hai uns meses lograba a súa segunda medalla de ouro en categoría pre-senior no Campionato de España de Ximnasia de Trampolín, á que suma a acadada previamente na categoría base. Nos tres casos, proclamouse campioa de España de tumbling, unha disciplina de ximnasia de trampolín na que realízanse unha serie de acrobacias ao longo dunha pista de 25 metros. Deportista do Ximnasia Pontevedra, Dapena lembrou que se iniciou neste deporte con 6 anos “e desde entón constitúe unha parte moi importante da miña vida”. Neste punto, quixo agradecer a implicación da súa familia e compañeiros e, nomeadamente, o seu adestrador Pablo Hinojar, falecido o pasado mes de setembro. “O deporte prepáranos para a vida, igual que a universidade”, concluíu Dapena, quen reivindicou unha maior implicación das institucións públicas co “deporte de base e de elite”.
Tres medallas de prata e unha de bronce nos Campionatos do Mundo de Piragüismo sub23, ás que se suman varios podios en europeos e os éxitos logrados en competicións estatais forman parte do currículo deportivo de Noel Domínguez, quen agradeceu neste acto a implicación do profesorado da facultade á hora de facilitarlle poder a compaxinar os estudos coa competición ao máis alto nivel. Piragüista do CMCD Breogán do Grove, Domínguez puxo en valor outra característica asociada á práctica deportiva, “que dá a sensación que ten connotacións negativas”, a competitividade. “Parece que ser competitivo implica que tes unha especie de conflito con perder ou coa frustración e creo que non é así. O deporte ten moitas máis derrotas que vitorias”, salientou este piragüista, quen sostivo que “na vida temos que ser competitivos en todos os ámbitos”, o que levouno a animar aos seus compañeiros e compañeiras a “tratar de ser a mellor versión de vós mesmos”.
Na que foi “a primeiras das homenaxes” que a facultade prevé levar a cabo ao longo deste curso, como apuntou Varela, tamén foron recoñecidos Nicolás Diez, do Balonmán Chapela; Daniel Buceta, futbolista do Caldas; Brais Domínguez, xogador do Balonmán Rasoeiro; Marta Mourelos, piragüista do CMCD Breogán; Ainhoa Cruz, karateka do Gimsport; e Ashenagi Zorrilla, do equipo de atletismo do Celta, así como dous estudantes da modalidade virtual. Trátase de Candela Puime, quen realiza orientación, e de José Luis Blas, quen compite co Club Voleibol Valencia e que participou neste acto por videoconferencia.
Convenio con São Paulo
Na súa intervención nesta homenaxe, o decano fixo tamén referencia á súa recente estadía xunto co vicedecano de Virtualización e Innovación Educativa, Xosé Mahou, na Escola de Artes, Ciencias e Humanidades (EACH) da Universidade de São Paulo (USP), co obxectivo de “continuar coas negociacións” para a actualización do convenio recoñecemento mutuo de estudos que permitía ao alumnado de Dirección e Xestión Pública e da titulación de Xestión de Políticas Públicas da USP obter as dúas titulacións cursando parte dos seus estudos na outra universidade. Como lembra Varela, este convenio fixo posible que preto de 50 alumnos e alumnas da USP completasen a súa formación na facultade pontevedresa, sendo necesaria, tras a súa finalización en 2019, a súa adaptación “á normativa derivada da LOSU”. Na súa estadía en São Paulo, Varela e Mahou mantiveron unha serie de encontros co director da Unidade EACH, o coordinador da área de relacións internacionais deste centro, o responsable do Grao en Xestión de Políticas Públicas e co equipo docente do Mestrado en Xestión de Políticas Públicas, así como cunha representación do alumnado que participou no anterior convenio. “Todos eles, sen excepción manifestaron a súa vontade de recuperar o convenio marco e o convenio específico de dobre titulación”, así como “continuar coa relación USP-UVigo, que forma parte dos seus procesos de internacionalización”, salienta o decano, que lembra que diferentes ránkings sitúan á USP como “a mellor universidade pública de América Latina”.