DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha homenaxe á empresa Siga 98, no marco dos actos do seu 25 aniversario

Dirección e Xestión Pública pon en valor a inserción laboral do seu alumnado no sector privado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 06/05/2025

No marco dos actos conmemorativos do 25 aniversario da implantación destes estudos na Universidade de Vigo, Dirección e Xestión Pública quixo pór en valor a inserción laboral no sector privado dos seus titulados e tituladas, a través dun acto de homenaxe a Siga 98, unha das empresas que ao longo dos anos ten incorporado un maior número de titulados e tituladas. O acto celebrado este martes na Ágora da facultade contou coa participación do conselleiro delegado desta compañía, José Manuel Mariño, así como do seu presidente, Fernando Jesús Santiago, que tamén preside o Consejo General de Colegios de Gestores Administrativos de España.

Como lembrou o decano, Enrique Varela, Siga 98 é “a empresa que dá soporte ás actividades tecnolóxicas dos colexios de xestores administrativos” e ao longo dos seus máis de 20 anos de traxectoria ten desenvolvido “unha actividade importante para os nosos estudos”. Nese senso, o propósito deste acto era “recoñecer o esforzo” de empresas como a homenaxeada á hora de recibir alumnado en prácticas, sinalou Varela, que lembrou que “unha boa formación na universidade repercute tamén en que as empresas poidan ter bos traballadores e traballadoras”. 

O presidente de Siga 98 definiu esta homenaxe como un “recoñecemento á forma que temos os xestores administrativos de entender a colaboración entre a universidade e a contorna profesional”, incidindo en que as empresas non só teñen que acudir ás institucións académicas “en busca de talento”, senón que teñen tamén a responsabilidade de contribuír a que este “se forme con bases sólidas”. Por iso, engadiy, “apostamos desde hai anos e imos seguir apostando polas persoas que se forman nesta Universidade”, que en varios casos son hoxe “piares fundamentais” desta empresa, como salientou o seu conselleiro delegado. Mariño destacou tamén o “acerto estratéxico” que supuxo que unha titulación “nun principio máis orientada ao funcionarios, se abrise cara as empresas”, nun acto que se completou cunha entrega de diplomas a traballadores e traballadoras formados neste centro. Entre elas, Begoña Martínez, egresada da segunda promoción da antiga diplomatura, quen completou a rolda de intervencións pondo de relevo como “os coñecementos adquiridos ao longo da carreira son aplicables á empresa privada”. 

Este acto de homenaxe ao sector privado verase sucedido o vindeiro martes 13 con outro centrado nas institucións públicas, no que se efectuará un recoñecemento á Deputación de Pontevedra.