DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da sinatura dun convenio de colaboración con este organismo internacional

Dirección e Xestión Pública potencia a súa cooperación co Centro Latinoamericano de Administración para el Desarrollo

O seu secretario xeral impartiu a conferencia de clausura do curso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/06/2021

Creado en 1972, a iniciativa dos gobernos de México, Perú e Venezuela, o Centro Latinoamericano de Administración para el Desarrollo (CLAD) é un organismo público internacional de carácter intergobernamental, con presenza en máis de 20 países, que ten como obxectivo contribuír á modernización das administracións públicas a través da análise e o intercambio de experiencias. Co “obxectivo de iniciar un proceso de cooperación institucional internacional e de dimensión atlántica desde o campus de Pontevedra”, a Universidade de Vigo asinaba recentemente un convenio de cooperación educativa con este organismo con sede en Caracas, como anunciou o decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, na conferencia de clausura do curso académico, que na tarde deste luns impartía de xeito virtual o secretario xeral do CLAD, Francisco Javier Velázquez.

Nun acto desenvolvido a través de Campus Remoto e inaugurado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, Varela anunciou “que acabamos de firmar un convenio que desexamos sexa unha das primeiras actividades que poidamos pór en marcha nos próximos anos”. Nese senso, o decano comisario destacou que este acordo cunha institución que desde 1972 desenvolve “proxectos de xestión do coñecemento e formación en administración pública”, permitirá “aos profesionais das institucións públicas asociadas ao CLAD participar en actividades de formación e adestramento sobre temas de dirección pública profesional en España, Portugal, América Latina e unha parte da lusofonía”, tras a recente incorporación de Angola a este organismo.

A pandemia acentúa a importancia da dirección pública profesional

Tanto Javier Velázquez como Manuel Reigosa coincidiron no peche deste acto virtual na necesidade de desenvolver “estratexias de cooperación interinstitucional”, como este convenio, que contribúan á mellora da xestión pública nuns tempos marcados pola pandemia da covid-19. “A dirección pública profesional, desenvolvida a través de programas de educación superior, favorece a adquisición das competencias básicas dos traballadores do futuro das institucións públicas”, salientaron os participantes nesta conferencia, que puido seguirse en directo tanto a través de UVigoTV como da canle de Youtube do CLAD.

A necesidade democrática dunha dirección pública profesional era o título do relatorio que impartiu Velázquez López, licenciado en Ciencias Políticas e Económicas e membro do Corpo Superior de Administracións Civís do Estado, que ao longo da súa traxectoria foi director xeral de seis departamentos do Goberno do Estado, así como secretario xeral para a Administración Pública de España entre 2004 e 2006. Na súa intervención, este alto funcionario puxo o acento na necesidade de reforzar as competencias directivas profesionais dos altos responsables técnicos das institucións públicas, tanto en España como en América Latina. Nese senso, a covid-19, sinalou, “acelerou a necesidade de seleccionar, formar e avaliar con maior profesionalidade e con base no principio de mérito e capacidade” ás persoas que poidan axudar a que as administracións públicas poidan “superar esta e futuras crises”. O secretario xeral do CLAD apuntou nese senso á profesionalidade, imparcialidade e rendición de contas como as condicións que deberían rexer a dirección pública profesional, á vez que sinalou na súa intervención exemplos de experiencias de éxito en materia de selección de persoal, como a Comisión de Recrutamento para a Administración Pública (Cresap) de Portugal. Na súa opinión, concluíu, a cidadanía xa non demanda só traballadores públicos, senón profesionais preparados para “a xestión de proxectos que solucionen problemas de grande complexidade social e económica”.

Nese mesmo senso, o decano comisario de Dirección e Xestión Pública puxo o acento na necesidade de “insistir no feito de que as administracións conseguiron manter o sistema vital, social, económico e cultural a pesar da pandemia”. Ese é “o obxectivo de toda institución pública” e do seu persoal, engadiu Varela no acto que clausuraba o ano académico do grao en Dirección e Xestión Pública e do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. Un curso que, engadiu, resultou “complexo”, como o foi tamén para “o conxunto das institucións públicas que tiveron que asumir un tempo novo”, marcado pola covid-19.