DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 40 estudantes visitaron a cámara autonómica e a sede da Valedora do Pobo

Dirección e Xestión Pública retorna ao Parlamento

Mantiveron un encontro con portavoces de PP, BNG e PSdeG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/03/2022

Dirixida a que o alumnado poida constatar como se reflicte na realidade a formación teórica que previamente recibiron nas aulas sobre o funcionamento das institucións autonómicas, estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública visitan cada curso o Parlamento de Galicia, nunha iniciativa inserida nas actividades da materia Sistema político español e galego. Non obstante, a situación provocada pola covid-19 obrigou a interromper durante dous cursos “esta experiencia práctica que lles permite percibir a proximidade das institucións autonómicas”, como sinala o profesor Álvaro Xosé López Mira, responsable dunha actividade que este mércores levou un grupo de preto de 40 alumnos e alumnas a manter un encontro, no salón de plenos do Pazo do Hórreo, con portavoces das tres formacións con representación na cámara.

O feito de que esta saída de estudos non puidese levarse a cabo nos últimos dous cursos motivou que a un grupo de preto de 20 estudantes de primeiro curso, que se atopan cursando esta materia na modalidade presencial do grao, se sumasen tamén “os estudantes que quixesen das dúas promocións anteriores, que non puideran facer a visita”, explica López Mira, así como tres alumnos que cursan a titulación na súa modalidade virtual. Todos eles, tras visitar as diferentes dependencias do Pazo do Hórreo, mantiveron un encontro cos deputados Pedro Puy, portavoz do grupo parlamentar do PP; Manuel Lourenzo, viceportavoz do BNG, e Luis Álvarez, portavoz do PSdeG-PSOE, que durante máis dun hora foron contestando as múltiples preguntas dun alumnado que se amosou, como recoñece López Mira, “moi participativo”.

A primeira parada, na Valedora do Pobo

Previamente, este grupo de estudantes visitara a sede da Valedora do Pobo, onde a adxunta á valedora, María Xosé Porteiro, afondou nas funcións e funcionamento dun órgano que centra o seu labor na defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía. Neste encontro, Porteiro fixo balance da actividade desenvolvida por este órgano o pasado ano, ao que se sumou a intervención da asesora Mar Barcón, centrada en afondar no labor das cinco asesoras coas que conta a institución. 

Entre as es os participantes nesta saída de estudos atopábase tamén un grupo de cinco estudantes franceses da Universidade de París XII, chegados ao campus ao abeiro do programa Erasmus+. Entre eles atópanse Thibault Christeler e Thi Léa Vo, que destacan o interesante dunha iniciativa na que “puidemos preguntar directamente aos parlamentarios”. Nese senso, Christeler sinala que “en Francia non hai un sistema de autonomías e é máis difícil acceder aos órganos parlamentarios”, o que o leva a incidir, tras ter visitado previamente o senado francés, “na proximidade entre políticos e cidadáns” que percibiron neste encontro, “no que os estudantes fixéronlles diferentes preguntas sobre a política galega que nos permitiron tamén coñecer cousas que non sabíamos”, engade Vo.

Un alumno do grao, entre os mellores oradores do Parlamento Xove
 

Se ben esta visita non se desenvolvía desde 2019, un grupo de estudantes do grao participara o pasado ano no Pazo do Hórreo na fase final da competición de debate Parlamento Xove, promovida pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta. Entre os integrantes daquel equipo, que se proclamou subcampión na categoría de universidades, atopábase o estudante Pablo Abelleira, que a pasada fin de semana participaba xunto a outros estudantes de Dirección e Xestión Pública na fase previa dunha nova edición desta competición. Nesta ocasión, o seu equipo non logrou o pase á final, mais Abelleira, un dos participantes na visita deste mércores, foi un dos catro mozos e mozas seleccionados polo xurado como mellores oradores e oradoras desta fase clasificatoria, que se desenvolveu o pasado sábado na Coruña. Nela participaron un total de 13 equipos integrados por estudantes das tres universidades galegas, dos que oito lograron o pase á rolda final, entres os que se atopan dous grupos integrados por alumnos e alumnas do campus de Vigo.