DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Ballesteros abriu este martes a quinta edición de Conversas na UVigo

O director de Kalandraka reclama outras políticas culturais para non asistir “ao enterro do galego”

O coloquio fixo balance dos 20 anos de traxectoria da editora

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 23/10/2018

“De cada cen libros que se editan en Galicia, 17 publícanse en lingua galega e destes practicamente a metade son libros de texto”. Con estes datos puña de relevo Xosé Ballesteros, director de Kalandraka e presidenta da Asociación Galega de Editoras, a situación de “precariedade” que atravesan as empresas que centran o seu labor na edición do libro en galego. Facíao no coloquio coa que na tarde deste martes abría na Casa das Campás a quinta edición de Conversas na UVigo, ciclo que a Vicerreitoría do campus promove xunto ao Diario de Pontevedra. O xornalista e coordinador do ciclo, Ramón Rozas, foi o encargado de conducir un coloquio centrado tanto na “fermosa milagre” que supuxo, hai 20 anos, o nacemento de Kalandraka, como na situación actual da edición en galego, cuestión que levou a Ballesteros a incidir na necesidade dun cambio de políticas culturais, xa que do contrario, “imos asistir ao enterro da lingua galega”.

Nun coloquio que comezou ollando cara o pasado e centrándose no nacemento dunha editorial que, como salientou Rozas, hoxe “é un referente a nivel nacional e internacional”, Ballesteros recoñeceu o labor do editor como un dos traballos “máis gratificantes”, pero tamén como unha “enorme responsabilidade”, xa que, sinalou, na vida de todas e todos hai “unha serie de títulos que marcan a biografía, o propio itinerario persoal”, polo que, engadiu, “estamos facendo parte do que vai ser a memoria de futuro”. Así mesmo, o editor puxo de relevo o compromiso coa normalización lingüística de Kalandraka e incidiu na necesidade de mudar as políticas culturais neste eido. “Vivimos nun país con dúas linguas e unha está enferma. Os pais non poden tratar da mesma forma ao fillo que está san que ao que está enfermo, se queren que viva”, defendeu.

20 anos de Kalandraka

Foi en 1998 cando un grupo de persoas, entre as que se atopaba Ballesteros, quen previamente traballara durante nove anos para Xerais como vendedor de libros, decidiu pór en marcha en Pontevedra un proxecto editorial “que tivera como eixo o álbum ilustrado” en galego, que por aquel entón “practicamente non existía”, xa que, engadiu, “había unha especie de mito”, no relativo á literatura infantil en galego, “de que só se podían vender os libros recomendados nas escolas”. A empresa que por aquel entón naceu “coa idea de non facer máis de dez libros o ano”, viviu ao longo de dúas décadas un proceso de crecemento no que ao álbum ilustrado sumouse a ficción infantil e xuvenil e outra serie de coleccións, ata que hoxe Kalandraka edita os seus volumes en sete idiomas, “entre eles todas as linguas cooficiais da península”, o que xunto cunha “rede de alianzas” outórgalle, sinalou, “fortaleza á hora de poder comprar dereitos de calquera autor". A traxectoria desta empresa, como lembrou Rozas, foi recoñecida en 2012 co Premio Nacional ao Labor Editorial, unha distinción que, como engadía Ballesteros, outorgou “visibilidade” ao proxecto nun mercado, sinalou, caracterizado por unha “grande concentración”, pola que dous grandes grupos editoriais están detrás do 60% dos títulos publicados en España; un mercado, engadiu, no que se publican cada ano 80.000 novos títulos. 

Preguntado neste punto polas “claves do éxito de Kalandraka”, Ballesteros lembrou as verbas de Maurice Sendak, autor de Onde viven nos monstros, para destacar que nun álbum ilustrado debe existir un “equilibrio entre texto e imaxes” para que todo “sexa como un tecido onde non se perciba nin unha costura”. Neste senso, incidiu en que o libro infantil “debe emocionar” e lembrou que “o libro ten unha parte material, pero tamén unha parte afectiva”. De aí que destacase como un dos aspectos máis positivos destas dúas décadas de traxectoria empresarial ter feito “libros que forman parte da biografía de moitas persoas”. 

Unha cita mensual

Nacida hai cinco anos co propósito de crear na sede da Vicerreitoría do campus “un espazo no que escoitar á xente, fronte ao balbordo”, sinalou Rozas, Conversas na UVigo abría nesta xornada un novo ciclo de coloquios que reunirán mensualmente a persoeiros de ámbitos como a cultura, a política ou o deporte con xornalistas e columnistas do Diario de Pontevedra. Tra esta sesión, o ciclo continúa o 27 de novembro co encontro que mánterán o columnista Rodrigo Cota e o líder do PP en Pontevedra, Rafael Domínguez, mentres que o 18 de decembro a xornalista María Varela conversará coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.