DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enmarcada dentro das “Xornadas de achegamento a Experiencias de Turismo Alternativo”

O director do parador de Santo Estevo analiza a aparición do mosteiro en "Hospital Central"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 28/11/2007
Julio Castro, director do parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, analizou para os asistentes a esta nova conferencia enmarcada dentro das Xornadas de achegamento a Experiencias de Turismo Alternativo as relacións entre as productoras de series e as institucións e empresas facilitadoras das rodaxes.
Castro comentou os diferentes plans de marketing dunha cadea como Paradores e como se xestiona a publicidade de cada un deles a nivel individual. Explicou ademais o porque de aparecer nunha serie de prime time como foi o caso da Ribeira Sacra en Hospital Central. “Este tipo de decisións non se levan directamente dende o parador, son tomadas por outros estamentos como poden ser a dirección de marketing, a de prensa, ou a de relacións institucionais” dixo. “Temos un plan estratéxico como cadea no que os criterios e obxectivos, aínda que modernizados, son os mesmos de hai 80 anos” engadiu.
Son precisamente estes expertos quen coherentemente co plan analizan a conveniencia ou non de participar en certas accións comerciais cando representa unha oportunidade coma a de Hospital Central. Neste caso a negociación fíxose a través do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico) e da Deputación de Ourense. “Eles chegaron a uns acordos e nós colaboramos a cambio da nosa presenza na propia serie” explicou o director do parador de Santo Estevo. Para ofrecer os servicios que demanda unha rodaxe escolléronse días de semana con pouca actividade e o equipo permaneceu 3 días rodando, pese a que só apareceron en pantalla unhas poucas secuencias.
En canto á repercusión que tivo para o parador, Julio Castro comentou que “non se pode medir a curto prazo pero a presenza nos medios sempre é positiva, ao igual que ter unha certa cota de pantalla a nivel nacional. O que si é que moita xente nos chamou sorprendida pola nosa aparición e que este ano a ocupación está sendo mellor ca do pasado” concluíu.

O caso de Paradores

Paradores non é unha cadea hoteleira privada senón que pese a ser unha sociedade anónima está financiada con capital do Estado, polo que as estratexias a seguir veñen dictadas dende o goberno a través do ministerio correspondente. O obxectivo é xestionar edificios do patrimonio que en xeral son monumentos histórico-artísticos para que teñan un crecemento sostible. A inversión que requiren para a súa rehabilitación e posterior mantemento, unido á situación dalgúns deles fai que a iniciativa privada os rexeite por pensar que non son viables.
Dende o goberno, e en vista de que manter este tipo de edificios era moi custoso buscouse o xeito de aproveitalos converténdoos en hoteis. Á vez, a iniciativa Paradores contribúe a fomentar a integración territorial pois impulsan as zonas nas que están situados e xeran postos de traballo directos entre os habitantes das rexións e indirectos, pois necesitan de outras empresas para levar a cabo un correcto funcionamento. Todos os beneficios volven ser invertidos nos propios paradores ou ben na súa promoción.“Son un instrumento de política turística, non existe este tipo de producto en ningún outro país” comentou Castro.