DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables da ORI avalían con Alexandra Kahn-Johnston melloras no programa

A directora de programas de ISEP cos países da Europa do sur visita o campus 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/10/2018

Desde a súa adhesión ao programa ISEP no ano 2000, a Universidade de Vigo envía e recibe cada ano o equivalente a 15 estudantes de curso completo. “O International Student Exchange Programme é o programa de intercambio de alumnado xeograficamente máis ambicioso”, explica Amelia Rodríguez, directora técnica da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, ORI, que lembra que ISEP dispón dunha rede de máis de 200 universidades seleccionadas por ISEP central de EEUU na maior parte dos países do mundo, aínda que no caso da institución académica viguesa o programa céntrase no intercambio cara EEUU unicamente. A directora de programas de ISEP cos países da Europa do sur, Alexandra Kahn-Johnston, visita hoxe o campus de Vigo co obxectivo de coñecer ‘in situ’ as instalacións, as infraestruturas de acollida de estudantes e “poder determinar melloras, fortalezas e debilidades da implementación do programa na Universidade de Vigo”, explica Amelia Rodríguez. Co gallo da súa estancia no campus, Kahn-Johnston reuniuse coa vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, así como co persoal da ORI e estudantes que están a participar do programa. 

O alumnado da Universidade de Vigo seleccionado no programa ISEP, ademais de ter a súa admisión garantida nunha das máis de 100 universidades en EEUU, nos niveles de grao, mestrado ou doutoramente, así como matrícula, residentcia e manutención gratuítas e compromiso de recoñecemento académico dos seus estudos, pode, no caso de certas titulacións, ter a posibilidade de realizar prácticas externas en empresas ou nas propias institucións académicas a través das que participan no programa.