DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de benvida aos novos alumnos

A directora Xeral de Transportes da Xunta da Galicia inaugurou o curso na Escola Universitaria de Estudos Empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
L. Otero DUVI 26/09/2007

Planificación, estratexia, obxectivos ou custe de oportunidades. Estes son algúns dos termos cos que os alumnos da diplomatura de Estudos Empresariais se atoparan centos de veces ao longo da súa carreira. A súa primeira toma de contacto co mundo universitario e con estes conceptos tivo lugar hoxe no acto de recepción dos novos alumnos que comezaban esta semana as clases. A directora xeral de Transportes da Xunta de Galicia, Mar Chao López, foi a encargada de impartir a lección inaugural e de achegalos ao mundo laboral.
No seu relatorio, Chao analizou diversos conceptos que, como ela mesma sinalou, “estudaredes máis detalladamente ao longo destes anos e empregaredes constantemente na vosa vida profesional”. A planificación, o custe de oportunidades ou a relación valor-prezo centraron a súa charla.
“Na Administración intentamos planificar e ordenar, ese é un dos nosos obxectivos prioritarios”, sinalou. Ademais apuntou que no seu eido de traballo “estase a elaborar un Plan Xeral de Transportes de Galicia que dará as liñas mestras de actuación para promover o transporte público. O fin é fomentar a mobilidade sostible e minimizar os custes medioambientais”.
Para rematar a súa intervención, a relatora animou a todos os que comezan a súa andaina universitaria a “manter sempre a coraxe aínda que as cousas se torzan” e continuou, “só vos sentiredes realizados amando o que facedes”.
Foi o director do centro, Patricio Sánchez Bello, xunto co seu equipo de goberno, o que lle deu a benvida aos novos alumnos que se incorporaban este ano á escola. “Hoxe empezades a vosa vida universitaria, cargada de ilusións, esperamos que ao longo destes tres anos adquirades os coñecementos necesarios para formarvos como persoas e como profesionais”, apuntou Sánchez.
O director fixo alusión á longa historia do centro que, con 87 anos, “deu formación a moitas persoas que actualmente ocupan postos de gran actualidade”.
A xornada continuou coa presentación das distintas materias e os seus correspondentes profesores, así como de información relevante para o alumnado: horarios, planos de estudos ou os programas de mobilidade. A presentación continuará mañá con outra xornada de presentacións e titorizacións sobre o funcionamento do centro.