DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibirá a distinción o 28 de febreiro en Mondoñedo, coincidindo co cabodano do seu 40 pasamento

Distinguen á profesora e investigadora Rexina Vega como Cunqueiriana de Honra 2021

“Despois de toda unha vida dedicada a pescudar na obra deste autor, sinto unha enorme gratitude”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 01/02/2021

A súa fascinación por Álvaro Cunqueiro chegoulle a Rexina Vega, escritora e profesora do Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo, na adolescencia, cando estudaba o bacharelato e, dende entón, dedicou boa parte da súa carreira como investigadora a afondar na obra deste autor. Todo este labor converteuna nunha reputada especialista na vida e obra do artista e fíxoa merecente de ser designada Cunqueiriana de Honra de 2021, nomeamento que foi decidido pola comisión delegada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro nunha reunión telemática que tivo lugar esta fin de semana.

“Despois de toda unha vida dedicada a pescudar na obra deste autor, sinto unha enorme gratitude por recibir esta distinción”, explicaba este luns a docente, quen tamén fixo fincapé en que esta homenaxe é, sobre todo, “unha grande oportunidade para revitalizar a obra deste autor, un dos grandes activos que temos na nosa literatura”. Desde o seu punto de vista, nesta ocasión tocoulle a ela, pero podería ter sido calquera  dos seus compañeiros, “vai por min e por todos eles,  xa que hai unha presadiña de estudosos cunqueirianos que levamos toda a vida estudando a obra deste autor, media ducia de investigadores, algún deles compañeiros meus nesta universidade”.

30 anos de pescudas sobre o autor mindoniense

Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 anos a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutoramento Bilingüismo e  autotradución en Álvaro Cunqueiro(2000) defendida na Universidad Autónoma de Barcelona.

Ademais destes volumes, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación. Por todos estes motivos, a comisión congratulouse pola súa designación como Cunqueiriana de Honra e quixo transmitir as súas felicitacións á distinguida, ao tempo que manifestou a súa satisfacción pola alta calidade das diferentes candidaturas presentadas.

"Como os grandes clásicos, Cunqueiro nunca acaba de dicir o que ten que dicir”

A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro, data do 40 aniversario do falecemento do autor. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra. Tras a recepción da distinción (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo), Rexina Vega pronunciará unhas palabras de agradecemento, que irán precedidas da laudatio coa que a presentará, en nome da comisión, Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.

A poucas semanas destas celebracións, Vega fixo tamén fincapé na necesidade de honrar a  Cunqueiro e conseguir que este autor estea máis presente na vida das galegas e galegos. “Hai que ler máis a Cunqueiro e non me refiro ao Cunqueiro máis anecdótico, por dicilo de algún xeito, autor de textos como Merlín e familia ou Xente de aquí e acolá, a súa obra vai moito máis aló e, en moitas ocasións, é moi difícil de ler e proxecta un tipo de literatura que pon en cuestión os modos de representación”, salienta a investigadora, ao que engadiu que “estamos continuamente vendo como saen á luz textos, traducións marabillosas, artigos de prensa que non se coñecían… como os grandes clásicos, Cunqueiro nunca acaba de dicir o que ten que dicir”.

Comisión

Formaron parte da comisión avaliadora que outorgou a distinción: César Cunqueiro, fillo do escritor, que asistiu vía telefónica; Alberto García, concelleiro de Cultura de Mondoñedo; Víctor F. Freixanes, Cunqueiriano de Honra na convocatoria do pasado ano e presidente da Real Academia Galega; Antonio Reigosa, cronista de Mondoñedo; Miguel Somovilla, xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro; Abel Vigo, técnico de Cultura do Concello de Mondoñedo, e Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.