DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O relatorio do investigador chileno Alan J. Bronfman insírese nas actividades do proxecto ENDE

A dixitalización da democracia abre no campus o ciclo de conferencias dunha rede europea 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/01/2025

Integrada por investigadores e investigadoras de doce países, a European Network on Digitalization and E-Governance (ENDE) é unha rede europea que ten como obxectivo afondar, desde unha perspectiva interdisciplinar, no proceso de transformación dixital das institucións europeas e nos seus efectos na prestación de servizos públicos. Un dos integrantes desta rede é o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, quen coordina un ciclo de conferencias dirixido a promover unha serie de debates sobre os efectos da dixitalización en múltiples ámbitos da sociedade. Da man do investigador da Pontificia Universidad Católica de Valparaíso Alan J. Bronfman, esta iniciativa botou a andar este xoves cunha reflexión sobre como a esfera dixital se ten convertido nun elemento central tanto do debate político como do propio funcionamento democrático dos países.

Profesor de Dereito Constitucional, Bronfman subliñou a “necesidade de regular constitucionalmente a democracia nunha contorna dixital”, no primeiro dos coloquios deste ciclo. Como lembrou, “o sistema político democrático e representativo está fundamentalmente previsto e regulado” nos textos constitucionais, que recollen dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, mais desde unha perspectiva centrada “nos medios de comunicación tradicionais” cando, na actualidade, o mundo dixital e as redes sociais “inciden fundamentalmente na percepción política da sociedade”. De aí que o que fora tamén membro do Tribunal Constitucional chileno puxese de foco “en que seguimos pensando en que o dixital é un espazo particular da democracia, cando quizais é a democracia actualmente”. Non en van, lembrou, “os políticos invisten moitísimo en campañas dixitais, en construír imaxes dixitais ou en destruílas” a travé dunha serie de plataformas que “son negocios cos seus propios intereses”. Isto fai preciso, subliñou, que a regulación deste tipo de contornas non se afronte exclusivamente “desde unha base tecnolóxica”, senón que é preciso “pensar algúns temas constitucionais fundamentais para a democracia en termos da realidade dixital existente”.

Diferentes visións da transformación dixital

Coordinada pola Universidade Tecnolóxica de Tallin, da rede ENDE forman parte especialistas de diferentes disciplinas, co propósito de abordar, desde diversas perspectivas, nas transformacións que a dixitalización está a supor na prestación de servizos públicos. Con esa idea, o ciclo de conferencias-debate que Cancela promoverá ao longo deste curso na Facultade de Dirección e Xestión Pública busca tanto “dar visibilidade ao proxecto” como reflexionar sobre a dixitalización “nun sentido amplo”, convidando tanto a investigadores e investigadoras de diferentes áreas como a responsables institucionais.

Os efectos da dixitalización sobre as políticas públicas é así mesmo un dos eixos centrais da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens, dirixida por este investigador da UVigo e na que se insiren actividades como o obradoiro Elaboración e xestión de proxectos financiados pola UE no contexto dixital, que desenvolverá nas próximas semanas a súa terceira edición. Dirixido a iniciar ao alumnado na formulación de proxectos cos que concorrer a convocatorias comunitarias, trátase dun curso virtual, que mantén aberta a súa inscrición ata o 20 de febreiro.