DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último documento do Foro Económico de Galicia

Dixitalización, transparencia e colaboración público-privada, chaves para a administración do futuro

Nel recoméndase profesionalización, burocracia máis eficaz e avaliación das políticas públicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 24/05/2022

O Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este martes un novo documento de análise no que aborda A reforma que a administración necesita: propostas para o s. XXI. Nel sinálase que a dixitalización, transparencia e colaboración público-privada son chaves para a administración do futuro e recoméndase profesionalización, burocracia máis eficaz e avaliación constante das políticas públicas.

O documento foi presentado polo director do Foro Económico de Galicia e catedrático da UVigo Santiago Lago e a súa autora, Concepción Campos, coordinadora de Rede Localis (rede xestionada tamén polo grupo Gen) e membro do grupo de expertos que elaboraron o informe 13 propostas para reformar a Administración do Estado (Ministerio de Facenda e Función Pública). Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, a reforma das administracións públicas é unha das políticas ‘panca’ que deberá executarse no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) a través do instrumento dos Fondos Next Generation. Tendo en conta este contexto, no informe presentado, a autora desenvolve unha serie de  recomendacións necesarias para acadar os niveis de execución que se requiren dos fondos europeos. O documento indica que a modernización da administración pública é un proceso que comezou a mediados do século XX pero que non parece chegue ao seu fin. “A falta de éxito atópase en que soamente se basea en leis e tecnoloxía, sen ter en conta o concurso de múltiples factores, de persoas, de modelos de organización, de liderado para sacar adiante máis que unha reforma modernizadora, unha transformación do modelo de administración que poida asumir os retos do século XXI”, indican desde o foro.

As primeiras recomendacións do documento presentado este martes convidan, por unha parte, a unha simplificación regulatoria apuntando que “nos últimos anos cada vez apróbanse máis leis, pero non se avalían os seus resultados e impactos na actividade económica”. Por outra banda, o informe tamén convida a unha simplificación procedemental. Neste senso, a súa autora salienta que a mera dixitalización suporá unha considerable redución de cargas administrativas xa que segundo o Método de Medición de Custos, presentar unha solicitude presencial ten un custe de 80 euros, mentres que na presentación electrónica é de 5 euros.

Reducir “a mala burocracia e o seu exceso”

Concepción Campos afirma que a burocracia, entendida como os procedementos que garanten os dereitos da cidadanía, ofrece seguridade xurídica e impide arbitrariedades dos poderes públicos e que eses aspectos deben manterse. “O resto, as cargas administrativas, deben ser revisadas en chave de desburocratización, co principio de unha soa vez, posible coa xestión do dato e avanzando cara a automatización dos servizos públicos”, comenta sinalando que a xestión dos Fondos Europeos é todo un desafío administrativo neste senso.

O documento tamén sinala que a disrución tecnolóxica require á súa vez dunha disrución organizativa e que “hai que evitar a “burocracia dixital”: contar con directivos profesionais que traballen por obxectivos e rendan contas, afastados da posible colonización política dos ámbitos de xestión profesional”. Isto supón, engádese no texto, un cambio cultural nas organizacións que leve á profesionalización da dirección pública. Neste senso, unha das recomendacións máis importantes recollidas no informe é a avaliación das políticas públicas. “O único xeito de coñecer se as medidas son as acertadas é que tras a súa implantación se proceda ao seguimento e avaliación, sen que neste intre sexa habitual dita práctica. Este proceso avaliativo sistemático das políticas públicas constitúe unha necesidade de primeira orde nun estado democrático avanzado do século XXI”, afirma a súa autora.

O informe salienta a importancia da colaboración pública-privada. Para Concepción Campos, un novo modelo produtivo e a recuperación social esixe un triplo liderado: público, social e privado; xerar sinerxías entre o sector público e privado e apoiar as alianzas, como recolle a Axenda 2030 no ODS 17, e abeirar a percepción da cidadanía e do sector empresarial de que as relacións coa administración son unha carreira de obstáculos. Finalmente o documento recomenda unha xestión integrada e transparente, tal e como o indica o ODS 16 e na liña de loitar contra o fraude como esixe a Unión Europea, e a máxima optimización das oportunidades que se derivarán da chegada dos fondos NGEU. Para iso, conclúe o documento, “é precisa maior colaboración público-privada, o reforzo dos recursos asignados a este fin, poñendo a cidadanía no centro e que a redución da burocracia e a xeneralización da dixitalización sexan os factores cruciais para acadar o nivel de execución que requiren os fondos europeos”.