DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu un debate coa creadora de contidos @todomalva gz

O dobre reto de ser muller e galegofalante nas redes sociais

No marco das actividades relacionadas coa celebración do 8M

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 13/03/2025

No marco das actividades relacionadas co 8M, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este xoves unha xornada sobre novas perspectivas feministas centrada no papel da muller galegofalante nas redes sociais. Esta iniciativa, impulsada por dúas estudantes de 4º curso do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, Sara Castro e Silvia Trabazos, tiña como obxectivo dar a coñecer o labor das mulleres no medio dixital. Para iso contaron coa creadora de contidos @todomalva gz coa que conversaron sobre os principais retos e dificultades que se atopa no desenvolvemento da súa tarefa creativa, tanto polo feito de ser muller como por escribir en galego.

O evento foi un éxito de público, coa participación de profesorado pero, sobre todo, de numeroso alumnado do centro, xa que se trataba dunha proposta pensada para o público máis novo e centrada nas redes sociais, “pois nestes días Twitter, Instagram e Tik Tok forman parte da nosa cotiandade”, explican as organizadoras. A modo de conversa, o público puido comprobar, a través da figura de Malva, que explicou, por exemplo, que “algúns comentarios en redes que en principio non parecen misóxinos fundaméntanse sobre a crenza de que vale máis o que fan os homes e constitúen, pois, unha depreciación da creación por parte das mulleres”.

A dobre presión de ser muller, galegofalante e nova

Ademais da análise dende o punto de vista do xénero, no debate tamén se puxo en valor o factor lingüístico nas creadoras de contido en galego, “pois nestes tempos é moi importante traballarmos a prol da revitalización da lingua galega e nós, como estudantes de Filoloxía Aplicada Galega e persoas comprometidas co galego cremos que temos o deber de intentar crear entre o público xuvenil propostas que leven por bandeira a lingua galega”, explicaban as estudantes. 

Sara Castro e Silvia Trabazos, como mulleres galegofalantes novas, recoñecen sentir un “compromiso por transmitirlle a lingua a outras xeracións e por intentar reverter a situación sociolingüística na que se atopa o galego” pero neste contexto sofren a dobre presión de seren mulleres, “pois recibimos máis críticas por vivirmos na nosa lingua ca un home galegofalante da nosa idade”.

Para reverter esta situación, púxose o foco na educación da rapazada. “Sería interesante que dende os centros educativos se tomasen medidas, fomentando o uso das redes sociais en galego e ensinando que son un lugar onde todas as persoas e todas as linguas teñen cabida. Para isto, tamén é importante que os medios e os creadores de contido fomenten e difundan contido orixinal, que saia do convencionalismo de sempre, e que sexa capaz de atraer a atención de todo o público xuvenil”.