DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa intervención dos científicos Belén Martín e Tiago Repolho

Dobre sesión de charlas para estrear a IX edición do ciclo Café con Sal

A próxima cita será con María Fernández, unha das mellores divulgadoras do certame Somos científicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 22/01/2019

Os científicos Belén Martín, experta en redes e observatorios mariños, e Tiago Repolho, quen investiga sobre as respostas biolóxicas dos organismos que habitan mares e océanos fronte a situación de estrés, foron os grandes protagonistas da estrea este martes na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, da novena edición do ciclo de conferencias Café con Sal, actividade estrela da programación divulgativa do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e que reunirá, todos os primeiros e terceiros martes de cada mes (salvo excepcións) ao persoal investigador que traballa neste ámbito e que está interesado en compartir coñecemos, asistir a debates e abrir portas a novas colaboracións.

Doutora en Oceanografía pola Universidade de Vigo e xestora de proxectos do Centro Tecnolóxico do Mar, Belén Martín, presentou na súa intervención -Where do your data fit in the European marine data landscape?- unha visión xeral do panorama europeo de datos mariños, tratando de botar luz sobre a maraña de iniciativas, proxectos, programas de financiamento, infraestruturas de observación, bases de datos e redes mariñas existentes, desde unha escala global ata unha máis rexional, centrándose nalgunhas das iniciativas europeas máis importantes (EuroGOOS, SeaDataNet ou EMODnet) e poñendo como exemplo o observatorio oceanográfico transfronteirizo RAIA, no que traballa na actualidade desde o Cetmar. Co seu relatorio, a investigadora buscou resaltar a importancia dun cambio de actitude cara os datos obtidos en investigación: desde “datos que pertencen aos científicos e que serven para facer publicacións” aos “que pertencen á sociedade e poden ter múltiples propósitos”, co obxectivo de mostrar como esta información non quedan só nun número dunha publicación, senón que é posible que teña máis usos e máis impacto.

Tras un pequeno descanso para o café, tivo lugar a conferencia de Tiago Repolho, investigador de posdoutoramento do Centro de Ciências do Mar e do Ambiente da Universidade de Lisboa. Baixo o título Ascidians under Ocean Warming and Acidification, o investigador presentou os efectos do quentamento e acidificación oceánica sobre os organismos mariños baixo un contexto de interacción (sinerxía, acumulación ou antagonismo). Coa colaboración de varios investigadores das Universidades de Lisboa (Portugal), Gothenburg e Uppsala (Suecia), Repolho pretende proporcionar unha visión integrada co fin de desenmarañar e comprender o potencial evolutivo das especies para adaptarse ás consecuencias do cambio climático, empregando a ascidia Ciona intestinalis como modelo biolóxico. Esta conferencia enmarcouse dentro do proxecto  Ascend financiado por Assemble Pluss.

Próxima cita: martes 5 de febreiro

As charlas retomaranse o vindeiro martes 5 de febreiro coa intervención de María Fernández, investigadora de predoutoramento do Grupo de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) do CIM-UVigo e do grupo AquaCOV do Instituto Oceanográfico de Vigo, así como unha das mellores divulgadoras do certame Somos Científicos 2018. Na súa intervención no Café con Sal impartirá o relatorio Hakes of the world: clarifying the phylogenetic status of five candidate species, no que presentará a metodoloxía e algúns dos resultados da súa tese de doutoramento, titulada Aplicación de la genómica y la transcriptómica al cultivo de especies candidatas en acuicultura.