DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto levado a cabo coa Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural

Doce entidades do rural galego reciben os plans de comunicación elaborados polo alumnado de Publicidade e RRPP

Tamén deseñan accións para desenvolver algunhas das liñas estratéxicas definidas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/05/2023

Doce asociacións e colectivos de múltiples puntos do rural galego reciben nestes días a folla de ruta que guiará as súas iniciativas no eido comunicativo, un plan estratéxico de comunicación elaborado polo alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS), desenvolvido coa Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural. Nunha iniciativa coordinada pola profesora e decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, máis dun centenar de estudantes da materia Estratexias de comunicación publicitaria traballaron ao longo deste cuadrimestre cunha serie de entidades que, como explica, teñen en común o desenvolvemento de “iniciativas de carácter social”, pero que centran a súa acción en ámbitos “moi diversos”, desde a protección do territorio e o desenvolvemento sostible, ata iniciativas de comercio xusto ou culturais.

Divididos en diferentes grupos, o alumnado encargouse do deseño desta “guía para poder actuar a nivel comunicativo a medio e longo prazo”, como sinala Torres. Seleccionado na convocatoria de innovación educativa en aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030, da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, o proxecto Estratexias de comunicación para iniciativas do rural arrancou en febreiro cunha primeira toma de contacto coas entidades participantes, tras a que tiveron que realizar “un primeiro informe sobre a súa situación, unha análise da súa marca e determinar as necesidades, problemas e oportunidades” de cada colectivo. Partindo deses datos, os diferentes grupos elaboraron uns plans “nos que se achegan ideas e opcións de traballo para os obxectivos e necesidades que detectaron”, dos que a finais de abril presentaban unha primeira versión ás diferentes entidades, nunha serie de reunións que na maioría dos casos se desenvolveron de xeito virtual. Estas permitiron incorporar aos proxectos as achegas dos seus responsables, así como das docentes da materia, Emma Torres, Carmen Maiz e Talía Rodríguez, e levaron á elaboración do documento final, que nestes días entregaban aos diferentes colectivos. Por outra banda, o proxecto completarase coa elaboración dun briefing no que cada grupo desenvolve “unha das liñas estratéxicas” recollidas no plan, presentando unha serie de accións, “ideas creativas, slogans ou tipos de contidos a elaborar”, apunta Torres.

Nese senso, o proxecto permite ao alumnado “aprender a tomar decisións sobre xestión comunicativa, a analizar unha empresa ou entidade e diagnosticar as súas necesidades”, á vez que “están prestando un servizo a colectivos que doutro xeito non terían opción de contar cun asesoramento deste tipo”, recoñece Torres. Fano, lembra, á vez que constatan como “as ferramentas da publicidade e a comunicación tamén se poden utilizar no campo social”, a través da colaboración cunha comunidade impulsada pola asociación Avoar, xunto co grupo de investigación Esculca, da Universidade de Santiago de Compostela. Esta busca vincular o sistema educativo con “formas alternativas de xestionar as comunidades e o territorio”, como sinala o seu coordinador, David García. De feito, este proxecto de ApS será unha das iniciativas a abordar no IV Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, que terá lugar o 1 de xuño en Ames.

Do dixital ao local

Como apuntou García, a comunidade engloba un conxunto de entidades “polo xeral, moi invisibles”, que teñen entre as súas “eivas máis importantes”, chegar á poboación “coa súa propia voz”. Nese senso, un dos aspectos nos que poñen o foco os diferentes plans é, como explica Torres, no deseño de liñas de acción que contribúan a que este tipo de entidades poidan “non tanto darse a coñecer na súa contorna, porque a súa actividade xa ten un impacto a nivel local, pero si a que a sociedade coñeza o que fan”. No en van, o proxecto engloba entidades “moi diversas”, desde tres centros de desenvolvemento rural, os CRD de Os Ancares; O Viso, da comarca da Limia, e Portas Abertas, de Verín, a iniciativas entradas na cooperación, como Somos Terra, ou no eido do patrimonio cultural, como o colectivo Espigadoiras de Portomarín. O alumnado traballou tamén con asociacións como Avoar, Euro-Eume ou Rural Contemporánea, e con colectivos como a asociación de custodia do territorio Betula, a fundación Euromaia, centrada na inclusión social, e a rede de intercambio de bens e servizos A Sabia Galega.

Para cada un deles, explica Torres, definiron un conxunto de propostas “moi operativas”, que nalgúns dos casos implicaban enfrontarse a cuestións “máis complexas”, como é o caso daqueles proxectos que “non só buscan que a xente os coñeza, senón que se implique nunha causa”. Aínda que boa parte das accións deseñadas puñan o foco na xestión das súas webs e redes sociais, “probablemente as máis innovadoras, aínda que resulte un pouco paradoxal, son aquelas que non se centraron só na comunicación dixital”, sinala. Varios dos proxectos poñen nese senso o foco na organización de “actividades de divulgación, no traballo con colexios ou con colectivos sociais determinados”, á vez que inciden na importancia dos “medios de comunicación convencionais para ese primeiro coñecemento”, dado “o impacto social a nivel local”, que poden ter xornais ou radios.