DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación acolleu a presentación do libro de Anaír Rodríguez 'Pioneiras'

Doce mulleres inspiradoras para as e os futuros docentes

O centro tamén celebrou unha xornada de orientación profesional para o seu alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/05/2018

Un libro que fala de "doce mulleres que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados ata ese momento só por homes". Deste xeito preséntase a publicación infantil Pioneiras, libro sobre o que este mércores falou a súa autora, Anaír Rodríguez, na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. A filóloga e coordinadora de edición de Xerais, foi ademais unha das convidadas a participar neste centro nunhas xornada de orientación destinadas ao alumnado dos graos de Infantil e Primaria.

De Egeria a Ángeles Alvariño

Pioneiras é un álbum ilustrado que recolle a vida de doce mulleres galegas que no seus respectivos momentos foron as primeiras en ocupar espazos profesionais ou sociais que ata daquela só ocupaban os homes”, comenta Anaír Rodríguez. Trátase, apunta a autora, de mulleres que destacaron non só no ámbito galego e estatal senón tamén nalgúns casos no eido internacional. Ademais de falar de mulleres de diferentes épocas históricas, desde o século IV antes de Cristo ata o século XX, no libro a escritora sinala que quixo incluír mulleres pertencentes a diferentes eidos e mulleres pioneiras non só no eido profesional, como pode ser Egeria, senón tamén no social, como Elisa e Marcela.

O retrato das doce mulleres ás que lle dá protagonismo o libro, editado por Xerais e con ilustracións de Nuria Díaz, arranca con Egeria, muller do século IV considerada a primeira escritora da Hispania Romana; Isabel Barreto, que se converteu no século XVI na primeira almiranta, e Isabel Cendal, considerada a nivel internacional como a primeira enfermeira que participou, xa no século XVIII, nunha misión de saúde internacional. Tras esta ollada a referentes históricos, a publicación céntrase en mulleres do século XX, cando as circunstancias sociais foron máis favorables á súa entrada en espazos tradicionalmente masculinos. Así, páxina a páxina a autora fala da correspondente Sofía Casanova; da futbolista Irene González; de Elisa e Marcela, as primeiras mulleres en casar; da gaiteira Auria Rodríguez; da directora de xornal María Luz Morales; da médica Olimpia Valencia; da condutora Celia Rivas e da oceanógrafa Ángeles Alvariño. “Elas son un exemplo a ter en conta”, di Anaír Rodríguez.

“O libro concibímolo co obxectivo de chegar ao maior número de lectoras e lectores posibles”, explica a autora. Deste xeito, sinala, aínda que se trata dunha publicación especialmente pensada para nenas e nenos, con textos sinxelos e ilustracións atractivas, “non quixemos ser excesivamente infantís no tratamento” coa idea de que tamén fose de interese para adultos. Á hora de deseñar a publicación, comenta a autora, tívose en conta que alén de ter como finalidade divulgar contidos de interese tamén “tiñamos unha finalidade social, de suscitar a reflexión sobre a falla de referentes femininos para as nenas e nenos e as consecuencias que iso ten na nosa sociedade”. Así, indica Anaír Rodríguez, a publicación foi especialmente deseñada pensada “nos axentes mediadores” como profesorado e familias, co obxectivo de que poidan empregar este material para contribuír a mudar esta eiva. “Por este motivo, paréceme moi interesante presentar Pioneiras nesta Facultade de Ciencias da Educación, onde se forman futuras e futuros profesores. No ámbito educativo está a base para a educación en igualdade”, indica por último Anaír Rodríguez.

Xornadas de orientación para o alumnado

Ademais da presentación desta publicación, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración dunha xornada de orientación destinada ao seu alumnado. Baixo o título E agora que? Horizontes profesionais para mestres/mestras en Educación Primaria e Infantil, a cita, organizada polas profesoras Ángeles Conde, coordinadora do Grao en Educación Primaria, e Isabel Mociño, coordinadora do Grao en Educación Infantil, naceu tendo en conta, explican, como para as e os estudantes de cuarto curso “en breve quedará atrás o manto protector da universidade e terán que tomar unha serie de decisións importantes e superar novos desafíos que condicionarán o seu futuro”.

Para orientalos nesta nova etapa, as xornadas contaron con diferentes expertas e expertos do sector educativo, a maior parte egresadas e egresados desta facultade, coa finalidade de que lles informasen sobre os posibles itinerarios profesionais, explicasen as súas experiencias laborais e describisen os pasos que foron dando ata acadar os seus obxectivos. Así, o alumnado asistente puido coñecer desde o traballo en inspección de Educación ata en orientación, ensino ou dirección dun centro educativo. Para aquelas e aqueles que prefiren seguir formándose unha vez rematados os estudos de grao, a xornada tamén contou cunha mesa redonda na que se explicaron as opcións de mestrado e doutoramento que teñen na Facultade de Ciencias da Educación ourensá.