DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vicerreitoría do campus e Concellería de Promoción Económica promoven o ciclo ‘...Ten un tesouro’

Doce películas para afondar en como o cinema reflicte o significado da amizade

A actividade ábrese este venres co filme ‘Purasangre’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/09/2022

Da fidelidade á traizón, da felicidade á dor, o papel que a idea de amizade xoga tanto nas relacións persoais como no propio comportamento e desenvolvemento do individuo constitúe un dos eixos temáticos con maior presenza na historia do cinema. “Mostrar algúns dos itinerarios que o cine escolleu para ilustrar unha esfera relacional tan intensa” constitúe, como destaca o programador Suso Novás, o obxectivo central de ...Ten un tesouro, o ciclo de proxeccións que a Vicerreitoría do campus pon en marcha neste primeiro cuadrimestre xunto coa Concellería de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio de colaboración. Doce proxeccións nas tardes dos venres, entre este 30 de setembro e o 13 de xaneiro, integran a programación dunha actividade que busca achegar unha visión “o máis polisémica posible” de como o cinema reflectiu unha idea “que comporta desde a fidelidade extrema á traizón, ás amizades equívocas e aquelas que crecen en contextos nos que ninguén pensa que poderían medrar”, como lembra Novás.

“A amizade forma parte dos núcleos argumentais básicos de moitísimas películas, aínda que aparentemente non sexa así”, engade o coordinador dun ciclo conformado por unha escolma de filmes de diferentes épocas, tanto norteamericanos como europeos, e co que se pretende tamén amosar como esta temática está presente "en todos os xéneros cinematográficos". Con entrada libre ata completar aforo, as proxeccións terán lugar os venres ás 19.00 horas na Casa das Campás e completaranse cun coloquio arredor do filme.

Do cinema negro francés á animación, pasando polo melodrama

A programación arranca este venres 30 con Purasangre (1970), un filme de Cory Finley “que fala da amizade desde un punto de vista tóxico, vampírico”, e continúa o 7 de outubro con O confidente (1962), de Jean-Pierre Melville, “un dos clásicos do cinema negro francés e unha das películas que mellor revelan os conflitos unipersoais que pode supor a amizade”, sinala Novás. A semana seguinte poderá verse The Iron Giant (1999), un filme de animación no que Brad Bird retrata “a relación entre un neno cuns condicionantes persoais moi determinados e un xigante de ferro extraterrestre, nun mundo baixo a ameaza atómica”. 

O 21 de outubro exhibirase Tres camaradas (1938), do director estadounidense Frank Borzage, “un dos grandes mestres do melodrama”, que neste caso afonda na idea da amizade nun contexto marcado pola guerra e crise económica. Programada coa colaboración do Instituto Francés do Cinema, outubro pecharase con L'Été l'éternité (2020), de Emilie Aussel, “que escollemos para mostrar o universo das relacións de amizade contemporáneas entre adolescentes”.

Xa en novembro, a programación continúa o venres 4 con Lawn Dogs (1997), de John Duigan, filme que, como explica Novás, permite achegarse a idea das relacións “entre dúas persoas marxinais nun contexto que non lles favorece". Á semana seguinte proxectarase Ghost world (2001), de Terry Zwigoff, un filme que, a través da amizade entre dúas mozas, “reflexa moi ben o universo das pequenas cidades norteamericanas”. O ciclo continúa o venres 18 coa longametraxe de Martin Scorsese Mean Streets (1973), “que ilustra moi ben como un personaxe, nun contexto totalmente inestable e marxinal, intenta manter o equilibro entre os sentimentos, o deber e as relacións persoais”. Finalmente, novembro péchase “cunha película coral sobre as relacións de amizade e a incerteza ante o futuro que supón deixar o espazo no que medraches”, Beautiful Girls (1996), de Ted Demme.

A seguinte sesión, o 2 de decembro, proporá un retrato das "relacións de amizade no panorama da alta sociedade americana” a través de As mulleres (1939), de George Cukor, para logo achegarse á idea dos “universos privados que se crean entre nenos” da man da recreación do clásico da literatura infantil O xardín segredo que realizou en 1993 pola cineasta polaca Agnieszka Holland. Xa en 2023, o ciclo pecharase o 13 de xaneiro con O camiño de Cutter (1981), no que Ivan Passer pon o foco nas relacións de amizade “entre seres que están na marxinalidade absoluta” dunha xeración de estadounidenses marcada polos efectos da guerra de Vietnam.