En substitución de Helena Cortés, estréase nun cargo de xestión universitaria
O docente e investigador da FFT David Tizón asume a dirección do Servizo de Publicacións da UVigo
Para David Tizón Couto (Vigo, 1980) docente do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e investigador do grupo Variación Lingüística e Categorización Textual, “o Servizo de Publicacións da UVigo”, que dirixe deste hai unhas semanas “é un piar que reforza a identidade, a calidade e a proxección social da Universidade de Vigo”. Licenciado en Filoloxía Inglesa e doutorado pola UVigo, onde empezou a impartir docencia no Centro de Linguas en 2005, Tizón remuda á docente e investigadora Helena Cortés nun cargo ao que chega co obxectivo de acadar que o selo editorial da institución académica viguesa sexa un motor de calidade, identidade e proxección universitaria. “Quero aprender o máis rápido posible para continuar o estupendo labor de anteriores directores e directoras e os meus obxectivos son facer o posible para axudar a garantir a calidade editorial; dar visibilidade á Universidade e ofrecer canles confiables para a investigación e a docencia”, detalla.
A dirección do Servizo de Publicacións supón a estrea de Tizón nun cargo de xestión universitaria, tras un nomeamento que asegura lle sorprendeu. “Ten un corte técnico e académico que me resulta atractivo. Sorprendeume bastante a oferta do posto porque Helena Cortés estaba facendo un labor excepcional e non sabía que tiña en mente deixalo e a min neste momento pareceume ben explorar este cargo”, explica o director do Servizo.
O prestixio de ter un selo editorial propio
Docente nos graos en Linguas Estranxeiros e Tradución e Interpretación e no Máster de Estudos Ingleses Avanzados (na rama lingüística), para David Tizón “un servizo de publicacións é máis que unha imprenta é a forma na que a institución comparte co mundo o coñecemento que producen os seus investigadores, docentes e estudantes”. Neste sentido, considera o novo director do Servizo que “ter un selo editorial propio dá prestixio, asegura calidade académica e permite que os traballos circulen en revistas e libros especializados; preserva a memoria intelectual da universidade e conecta coa sociedade a través de obras, tanto de divulgación, como de cultura e o máis importante: dálle autonomía, evitando depender só de editoriais comerciais”.
Máis de 400 obras publicadas en 30 anos
Creado en 1993, o Servizo de Publicacións da UVigo editou preto de 400 obras entre libros, monografías e publicacións periódicas. Desde o ano 2020, dentro da política de fomento do acceso aberto gratuíto que desenvolve a UVigo, transcorridos 18 meses desde a posta en circulación dos exemplares, as obras publicadas pasan a comunicación pública baixo a licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0.
