DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto desenvolvido no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo

Docentes do campus deseñan un avatar virtual con perspectiva feminista

A partir das opinións de especialistas do Campus Crea e da propia cátedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 27/02/2026

A partir das valoracións e opinións de 17 expertos e expertas do Campus Crea e da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, docentes das facultades de Comunicación e Deseño traballaron no desenvolvemento dun avatar virtual con perspectiva feminista, o que acabou dando lugar á creación de Alicia e á publicación de contidos protagonizados por esta figura nas redes sociais. Desenvolvido ao abeiro da convocatoria de axudas á investigación desta cátedra promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, trátase dun proxecto realizado polos investigadores Javier Abuín, Diana Ramahí e Patricia Dopico. O seu obxectivo, explican, era “definir unha proposta visual e conceptual” que afastase a creación deste avatar con ferramentas de intelixencia artificial xerativa “dos canons hipersexualizados habituais na cultura dixital”, así como analizar tamén se os avatares virtuais están contribuíndo á consolidación de estereotipos de xénero.

Baixo o título de Avatares virtuais con perspectiva feminista: alternativas á hipersexualización na cultura dixital desde Pontevedra, esta investigación centrouse en primeiro termo en “documentar os riscos que a hipersexualización e os nesgos de xénero dos avatares xerados con IA supoñen para a sociedade”, a través dunha revisión dos estudos científicos sobre avatares virtuais. Estes, sinala Abuín, indican que “estes novos actores dixitais están a consolidar estereotipos de xénero e dinámicas de hipersexualización, probablemente alimentadas por bases de datos e modelos de IA saturadas de imaxes femininas sexualizadas”.

Un “proceso participativo” con especialistas de diferentes eidos

O equipo investigador buscou á súa vez xerar un “coñecemento aplicado que permita formular modelos alternativos desde unha perspectiva feminista”, buscando definir “un marco de boas prácticas para o deseño de avatares virtuais”. Isto levouse a cabo a través dun “proceso participativo”, no que reuniron as opinións de 17 expertas e expertos en estudos de xénero, comunicación, deseño e educación.

A través de dúas roldas de cuestionarios, o equipo investigador buscou tanto coñecer, explica Abuín, “que problemáticas poden xerar os avatares virtuais que existen agora mesmo nas redes sociais e os tipos de contidos que xeran”, como abordar o deseño dun avatar con perspectiva feminista. Así, as “orientacións cualitativas iniciais” levaron á definición de cinco opcións de avatar, cunha estética e un contexto diferenciados. Xa na segunda das consultas, o 53% dos expertos e expertas decantáronse polo prototipo que finalmente se converteu en Alicia. Ao mesmo tempo, fronte á pregunta inicialmente proposta polo equipo investigador, subliñaron que “non é posible representar á muller galega cun único avatar”, xa que isto podería contribuír á xeración de estereotipos, “que é contra o que tratabamos de loitar no propio proxecto”, explica Abuín.

Este grupo de especialistas amosou “un consenso moi elevado sobre o carácter problemático das representacións de xénero” nos avatares xerados con intelixencia artificial, que cualifican como “estereotipadas, sexualizadas e excluíntes”. A maioría das e dos expertos participantes considera estes avatares como “un retroceso” en materia de igualdade de xénero, ao tempo que sinala á “lóxica de negocio” das plataformas dixitais como o “principal obstáculo para unha representación diversa e equilibrada de identidades disidentes”.

Este panel de especialistas identificou tamén unhas “liñas de actuación prioritarias para avanzar cara avatares e contidos máis plurais e igualitarios”, que constitúen á súa vez a base do deseño de Alicia. Nomeadamente, sinalan a necesidade de revisar os algoritmos de recomendación “que priorizan o engagement”, diversificar “os datos de adestramento” das IA para reducir a reprodución de nesgos ou fomentar a alfabetización dixital e mediática.

Un avatar concibido como “ferramenta de divulgación”

Partindo destas recomendacións, o equipo investigador desenvolveu a “versión final” de Alicia, “que sintetiza as preferencias maioritarias do panel de persoas expertas e os obxectivos feministas do proxecto”. Co obxectivo de que este avatar sirva tamén para divulgar o traballo realizado, o proxecto completouse coa publicación en redes sociais de contidos protagonizados por Alicia, ao que se sumou unha sesión divulgativa no Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. De feito, sinala Abuín, o obxectivo é que, máis aló deste proxecto, Alicia contribúa tanto a divulgar os resultados desta investigación, como á alfabetización dixital. “O avatar está concibido como unha ferramenta de divulgación e sensibilización sobre igualdade de xénero, estereotipos e representacións do corpo nas plataformas dixitais”, subliña o investigador do grupo Sepcom, que explica que este avatar protagonizará novas publicacións en redes sociais, no marco dunha liña de traballo sobre o uso de avatares virtuais en materia de divulgación científica.