DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángeles Parrilla e Antonia Blanco elaboraron o plan de estudos da nova titulación da UNAE

Docentes do campus deseñan un mestrado en educación inclusiva pioneiro en Ecuador

Tras definir previamente os contidos dunha licenciatura neste eido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/01/2019

Formar a profesionais de distintos niveis do sistema educativo para o desenvolvemento de propostas orientadas a incrementar os procesos de inclusión educativa e social é o obxectivo do novo mestrado en Educación Inclusiva que a Universidad Nacional de Educación (UNAE) de Ecuador proxecta poñer en marcha nos próximos meses. Un mestrado que, a raíz dun proxecto impulsado pola Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), foi deseñado por dúas catedráticas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés, Ángeles Parrilla e Antonia Blanco, que en 2016 xa traballaran con esta institución ecuatoriana no deseño dunha licenciatura que tiña tamén como eixo a educación inclusiva. “Para nós supón un recoñecemento a que o traballo que fixemos na primeira ocasión considerouse válido e oportuno”, salienta Parrilla dun proxecto que as levou a definir as materias, guías docentes e contidos dunha “proposta formativa pioneira en Ecuador”.

Aprobado recentemente polo Consejo de Educación Superior do goberno ecuatoriano, trátase dun mestrado de dous anos de duración, aberto a 60 alumnos e alumnas e integrado por doce materias organizadas en diferentes bloques, un de formación básica, que inclúe aqueles contidos centrados nos “fundamentos sociopolíticos e pedagóxicos da educación inclusiva”; outro de formación en investigación e innovación e un terceiro de formación profesional teórico-práctica, que abrangue as materias centradas na “abordaxe didáctica, metodolóxica e procedimental da educación inclusiva”. Así, materias como Vulnerabilidade e exclusión educativa: poboacións e factores de risco, Deseño e desenvolvemento curricular para todos, Apoio á escola e participación da comunidade e Respostas e estratexias específicas de atención á diversidade figuran entre os contidos deseñados por Blanco e Parrilla nun proxecto que desenvolveron en contacto con diferentes axentes educativos e sociais de Ecuador e no que partiron, sinalan, “dunha grande liberdade é dun campo moi amplo á hora de propor e deseñar” contidos, orientacións, obxectivos ou propostas de avaliación das diferentes materias. O proxecto, así mesmo, abrangueu tamén unha proposta de profesorado, na que, a petición da UNAE, incluíron tanto expertos e expertas en inclusión educativa tanto de diferentes países de América Latina como de Europa ou Estados Unidos. 

Dirixido a profesionais do ámbito educativo

“En certo modo é unha prolongación da titulación que fixemos hai dous anos”, apunta Parrilla dun proxecto que dá continuidade ao deseño da licenciatura en Educación Especial que realizaron a raíz dunha invitación da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID). Non obstante, pese a que o posgrao que a UNAE prevé comezar a impartir en marzo suporá para os futuros titulados e tituladas a posibilidade de prolongar a súa especialización no eido da educación inclusiva, trátase dunha mestría “aberta a calquera perfil do ámbito educativo, non só a docentes, senón tamén a orientadores, a persoas que traballan en entidades cívicas e sociais relacionadas con procesos de marxinación e exclusión...”, relata Parrilla. Trátase, segundo indica a UNAE, dunha formación dirixida a “profesores e outros axentes en exercicio comprometidos cos procesos de inclusión educativa da diversidade de estudantes desde o nivel inicial ata a universidade”, aos que se busca dotar de  competencias “que lles preparen para identificar as diferentes situacións problemáticas que constitúen barreiras para o aceso, a aprendizaxe e a participación de nenos, adolescentes e mozos”, así como para desenvolver estratexias socieducativas “para unha educación integral, inclusiva e intercultural de toda a diversidade” o que, engade esta institución educativa, “permitiralles ser xestores e promotores destes procesos en todos os contextos profesionais de actuación onde exerzan o seu labor”.  

Un deseño froito do traballo colectivo

Co propósito de combinar “o nivel de novidade e de coñecementos que entendemos que son pertinentes e necesarios” na nova titulación, co deseño dunha proposta “axustada ás demandas sociais e académicas do país”, Parrilla e Blanco contaron ao longo do proceso coa colaboración dun grupo de especialistas, profesionais e representantes de diferentes grupos de interese. As docentes do campus puideron ir recollendo as impresións e opinións dos expertos e expertas que reunían a UNAE e a EOI nas diferentes fases do proceso a través dunha serie de reunións por videoconfrencia, complementadas á súa vez polo informe que tras cada reunión remitían ás docentes. “O obxectivo era traballar conxuntamente, a primeira reunión foi cando definimos os obxectivos e a quen se ía dirixir a mestría, despois houbo outra cando deseñamos as materias, outra máis centrada en temas administrativos e outra sobre profesorado”, explica Parrilla dun proceso no que recalca a importancia de dar forma a un título “que encaixe coa realidade á que se dirixe”.