O estudo compara as notas outorgadas por titores e tribunais aos traballos de fin de grao
Docentes de Ciencias da Educación e do Deporte avalían as variables que inflúen nas cualificacións dos TFG
No marco dun proxecto de innovación educativa da facultade
A implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) converteu os traballos de fin de grao (TFG) nunha materia obrigatoria nos plans de estudos universitarios, dirixida a que o estudantado amose, dun xeito integrado, as diferentes competencias adquiridas ao longo da titulación. Porén, pese á relevancia desta materia para os futuros titulados e tituladas, non existen investigacións que analicen que factores poden incidir na súa cualificación, máis aló de estudos que sinalan a influencia do bo rendemento académico ao longo da carreira. Coñecer que variables poden influír na obtención dunha maior ou menor nota, tanto na avaliación do TFG que realiza o titor ou titora como na do tribunal, é un dos obxectivos centrais dun proxecto de innovación educativa desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que, tras a análise das cualificacións de 467 TFG, permitiu definir un conxunto de recomendacións para profesorado e alumnado.
“Hai moi pouca evidencia científica que explique porque o estudantado ten mellor ou peor cualificación no TFG e que variables poden explicar ese mellor ou peor rendemento”, explica o catedrático Carlos Lago, investigador principal dun proxecto desenvolvido ao longo de 2024 e realizado ao abeiro da convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade. Xunto a Lago, Antonia Blanco, Ángeles Parrilla, Marián Fernández, Irene Crestar e Ezequiel Rey son as e os responsables dun traballo que analizou “a relación entre a cualificación que dá o titor ao TFG” e a outorgada polo tribunal, dado que este modelo mixto de avaliación é o predominante nas universidades españolas.
Máis dun punto de diferencia
Grazas á colaboración da facultade, lembra Lago, levouse a cabo un estudo das cualificacións de 148 TFG do Grao en Educación Infantil, 170 de Educación Primaria e outros 149 do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, defendidos nesta facultade nos cursos 2021/2022 e 2022/2023. Esta análise permitiu constatar a existencia dunha “diferencia moi importante” entre a nota que do titor ou titora e a do tribunal, de 1,15 puntos de media (8,77 contra 7,62). “A nosa opinión é que é importante que existan os tribunais, porque ademais de avaliar outras competencias, como a exposición oral ou a presentación do traballo, permiten tamén unha valoración máis obxectiva do TFG”, sinala Lago, que apunta que ningunha das variables analizadas ten unha influencia directa con esta diferencia.
Concretamente, estudaron como afectan na nota final o sexo dos titores e titoras, o número de traballos que dirixen, a súa categoría profesional e a convocatoria na que se presenta o traballo. Neste ámbito, o traballo permitiu coñecer que a cualificación do TFG é maior en 0,32 puntos cando a titora é muller, á vez que tamén é superior, en preto de medio punto, cando é dirixido por docentes que son funcionarios ou funcionarias, fronte á profesorado asociado. Así mesmo, as cualificacións descenden cantos máis TFG dirixe un titor ou titora, á vez que tamén inflúe no resultado final o momento no que se presente o traballo, sendo as notas da primeira convocatoria ata 1,5 puntos superiores ás das extraordinarias. “A diferencia, xogando con todas estas variables, pode chegar a 2,09 puntos”, sinala Lago.
Pílulas audiovisuais
Co obxectivo tanto de contribuír o labor do profesorado como do alumnado, este proxecto de innovación complétase coa elaboración de dúas pílulas informativas audiovisuais. Estas condensan as principais recomendacións e propostas do equipo investigador, como que, ademais de limitar o número de TFG que dirixe, o profesorado “debería aplicar sistemas de avaliación cuantitativo e cualitativo no seguimento dos traballos que dirixe, para reducir a subxectividade na valoración”. Así mesmo, inciden tamén na necesidade de trasladar ao alumnado a necesidade de desenvolver competencias “que lles axuden a prepararse mellor” e que entendan a elección do titor ou titora como “un aspecto clave para alcanzar un bo rendemento académico”. O obxectivo, sinala Lago, é que esta análise poida “axudar a sacar máis proveito do TFG” ou mellorar ás políticas universitarias referidas á súa avaliación, tendo en conta non obstante, lembran, “que os modelos de desenvolvemento dos TFG son específicos de cada facultade”.