A través da combinación dunha lectura graduada e unha metodoloxía baseada na dramatización
Docentes de Ciencias da Educación e do Deporte converten un relato de Vicente Risco nun recurso para a aprendizaxe do galego
No marco dun proxecto de innovación educativa
O lobo da xente, un relato publicado en 1925 por Vicente Risco, constitúe o punto de partida dun proxecto de innovación docente dirixido a mellorar a competencia comunicativa en galego do alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a través da combinación de dúas estratexias metodolóxicas. Coordinado polo profesor Carlos Valcárcel abrangue a adaptación do relato como unha “lectura graduada”, seguindo unha metodoloxía baseada na adaptación do vocabulario e a gramática dos textos literarios a diferentes niveis de competencia lingüística. A versión deseñada, explica este docente, “inclúe apoio visual, glosario, léxico destacado e estruturas gramaticais sinaladas, especialmente relacionadas coa colocación dos pronomes”. Tras a súa lectura, o alumnado participante debe levar esta historia á aula a través dunha dramatización baseada na metodoloxía TPRS (Total Physical Response through Storytelling), que combina a narración oral con xestos, movementos e repeticións, co propósito de “consolidar o léxico e a gramática”
O proxecto Historias que se len, historias que se viven: integración da lectura graduada e da TPRS para consolidar competencias en galego L2 ambiental busca “mellorar a competencia en galego” das e dos futuros docentes que se forman na facultade, especialmente a dun alumnado “que non sempre se sente seguro á hora de lelo, falalo ou empregalo como futura lingua docente”, sinala Vacárcel. Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa promovida pola facultade neste 2026, nove docentes participan nun proxecto que parte da “necesidade de fortalecer a competencia comunicativa en galego” dun alumnado “maioritariamente castelanfalante e para quen o galego representa máis unha lingua ambiental e de herdanza”. Partindo deste marco, o proxecto busca tanto mellorar a súa competencia lingüística, como familiarizalo con usos pedagóxicos dos textos literarios, ao tempo que explorar “a integración de innovacións metodolóxicas no ensino do galego como segunda lingua ambiental”.
Adaptando 'O lobo da xente'
Esta iniciativa lévase a cabo con alumnado de sete materias dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria integra e “dous enfoques metodolóxicos complementarios e de eficacia contrastada na didáctica de linguas segundas”, apunta Valcárcel. Por unha banda, as lecturas graduadas implican a adaptación da “dificultade léxica e estrutural” de textos literarios, co obxectivo de que contribúan a aspectos como “a adquisición accidental de vocabulario”. Neste caso, Carlos Valcárcel e Ana Acuña traballaron unha adaptación léxica e sintáctica do texto de Risco, “para facelo máis accesíbel, sen perder o seu valor literario nin o vínculo coa tradición galega”.
Previamente, levaron a cabo un estudo de “erros lingüísticos” en textos do alumnado, que serviu de base para deseñar esta adaptación, para a que, apunta Valcárcel “ensaiamos un proceso de asistencia con intelixencia artificial”. Este implicou unha “avaliación cruzada de dous modelos”, mentres que un terceiro debía definir un texto de consenso para a súa revisión por parte dos investigadores, o que permitiulles tamén “explorar o potencial” destas tecnoloxías como “ferramenta pedagóxica”.
Por outra banda, a escolla dun relato que aborda un elemento como a licantropía, presente en múltiples manifestacións culturais, buscaba “tender pontes entre a tradición oral galega e a cultura popular contemporánea”, á vez que promover unha reflexión sobre a diversidade de xénero. A idea, explica Valcárcel, é empregar esta relectura de O lobo da xente “e o mito da licantropía como metáforas da alteridade, da exclusión e da inclusión”, conectando “a aprendizaxe lingüística coa educación en valores”.
Dramatización na aula
A lectura desta adaptación vese complementada pola dramatización oral do relato na aula, baseada na metodoloxía TPRS, que permite “incorporar movemento, xesto, humor e emoción”, na repetición do vocabulario e as estruturas, promovendo unha “aprendizaxe experiencial e grupal”. Nese senso, se ben existen xa “varias experiencias” do uso de lecturas graduadas para o ensino do galego, non é así no caso dunha metodoloxía do tipo TPR (Total Physical Response), baseada no movemento e que xa centrara un proxecto de innovación previo, centrado tamén nas súas posibilidades para a aprendizaxe do galego como segunda lingua.
Ao longo do ano, o equipo investigador prevé desenvolver esta experiencia con preto de 150 estudantes, complementándoa con actividades como conferencias de especialistas en dramatización pedagóxica e adaptación de textos orais. Polo de agora, apunta Valcárcel, “xa fixemos as primeiras intervencións co alumnado e os datos que recollemos”, a través dos cuestionarios deseñados para a avaliación do proxecto, “son moi positivos”. Estas primeiras experiencias permitiron constatar “unha mellora clara na motivación, unha maior disposición a ler en galego e unha boa retención do vocabulario traballado”, á vez que varias das persoas participantes sinalaron “que este formato lles dá máis seguridade para ler textos literarios en galego e para imaxinar usos didácticos da literatura nas aulas”.
Xunto á avaliación final dos resultados, o proxecto completarase coa publicación dos materiais xerados en formato aberto. Así mesmo, entre os obxectivos do equipo investigador atópase tamén o de levar esta proposta a diferentes centros educativos.
