DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da UVigo Jaime Cabeza forma parte do Comité Editorial deste novo proxecto

Docentes de Dereito do Traballo de 17 universidades lanzan unha plataforma dixital para achegar o debate laboral á cidadanía

Tamén colaboran na iniciativa avogados de centros de investigación e gabinetes xurídico-sindicais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
Rebeca López Villar DUVI 26/03/2021

Docentes de 17 universidades españolas, incluída a Universidade de Vigo, acaban de facer público un novo proxecto: unha plataforma dixital coa que achegar ao conxunto da sociedade e os medios de comunicación debate e reflexión sobre as principais cuestións que afectan na actualidade ao mundo laboral. Bautizada como NET21, Nuevo Estatuto de Los Trabajadores del siglo XXI, a iniciativa xorde co claro obxectivo de analizar a actualidade do mundo laboral, propoñer reformas e cooperar no deseño de políticas do dereito que afonden “na democracia que promete a Constitución”.

De carácter aberto e divulgativo, a nova plataforma conta cun Comité Editorial composto por cinco docentes, entre eles o catedrático Departamento de Dereito Público Especial da UVigo Jaime Cabeza; Amparo Merino e Francisco Trillo, da Universidad de Castilla La Mancha; Francisca Ferrando, da Universidad de Murcia, e Rafael Gómez Gordillo da Universidad Pablo de Olavide. Os cinco interveñen nun vídeo de presentación que se presentou esta semana e no que se dan as principais claves deste novo proxecto, que lanza hoxe venres o seu número 1.

“Nacemos con ganas de transmitir, debater e crear polémica”

NET21.org xorde como un espazo dinámico de análise, observación e confrontación de posicións. Aínda que o grupo está composto maioritariamente por docentes universitarios, inclúe tamén numerosos profesionais de institutos de investigación e gabinetes xurídico-sindicais coa idea de debater en e ante o público sobre materias como as normas laborais, a negociación colectiva, os dereitos individuais e sociais ou as posibles interpretacións xudiciais. Desde Vigo, Jaime Cabeza fai fincapé no positivo da pluralidade de colaboradores e sinala a intención de que as publicacións teñan como características principais “a sinxeleza, a brevidade, a accesibilidade, a capacidade de divulgación e a facilidade de conexión coa sociedade”. 

Se algo comparten todos os integrantes de NET21 é a consideración de que a regulación do traballo, como asegura o profesor da UCLM Francisco Trillo no vídeo de presentación, “ten que contribuír á construción dunha sociedade moito máis libre e igualitaria”. Expón tamén a pertinencia de que o proxecto se materialice nunha páxina web porque é un formato “propicio para aglutinar profesores de diferentes universidades”. Así mesmo, cre que a presenza virtual, que coa pandemia da covid-19 aumentou en todos os ámbitos, facilita que se cumpra un dos obxectivos principais do grupo: alcanzar o público xeral. 

Sempre co fin de ofrecer achegas heteroxéneas, “debater e crear polémica”, Jaime Cabeza apunta que cada mes subirán uns contidos nos que participarán tanto os membros do grupo como especialistas externos. “Ademais destas publicacións periódicas engadiranse actualizacións sobre temas candentes e polémicos do mundo das relacións laborais”, polo que esta nova canle de transmisión pode ser de elevado interese para profesionais da comunicación. 

A saída da pandemia, unha oportunidade para democratizar as relacións laborais 

Xa hai unha década que os profesionais do dereito laboral observaron a necesidade de aprobar un novo estatuto de traballo. Agora, os membros do grupo coinciden en que a crise socioeconómica motivada pola pandemia da covid-19 “obriga a preparar o escenario que xorda co retorno dunha normalidade que nunca poderá ser a de antes e na que será indispensable efectuar reformas lexislativas importantes para incorporar novas situacións que a realidade social fai emerxer”. Así, os laboralistas de NET21 ven preciso establecer un “marco máis democrático de relacións laborais” e atopan na saída da crise “unha ampla ventá de oportunidade para axudar a construílo”.  

O ingreso mínimo vital e as falsas cooperativas, temas centrais do próximo número

Actualmente poden consultarse na páxina web do grupo os números cero e un. O máis recente conta con colaboracións relacionadas con asuntos como a violencia de xénero nas relacións laborais, a temporalidade en España ou as claves para mellorar a negociación colectiva. Ademais, o catedrático da UVigo participa neste número cunha análise da protección do desemprego, avogando por “unha reforma urxente que dea nova estrutura aos seus piares básicos”.

A sección número cero reflexionaba sobre a reforma das pensións e a súa relación cos fondos de recuperación europeos, a regulación do traballo a través de plataformas dixitais ou o despedimento económico ou por forza maior durante o estado de alarma declarado pola pandemia da covid-19. NET21 avanza que “o número dous xa está no forno”, con textos sobre temas tan actuais como o ingreso mínimo vital ou as falsas cooperativas.