DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Íñigo Cuiñas e Edita de Lorenzo, de Enxeñaría de Telecomunicación, impartiron parte do curso

Docentes e estudantes da UVigo participan en Bélxica nun taller sobre competencias transversais

Asistiron medio cento de estudantes de Bélxica, Portugal, Romanía e España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cursos
  • Internacional
  • Académica
D. Besadío DUVI 29/05/2023

Docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e estudantes de distintos escolas e facultades participaron a pasada semana na cidade de Lieja, en Bélxica, nun innovador taller de competencias transversais organizado dentro do programa Erasmus+ BIP, Blended Intensive Programme, unha actividade que vén derivada do proxecto europeo Unifors, centrado en preparar contidos formativos cos que adestrar en competencias transversais, as denominadas soft skills, ao alumnado universitario e no que España estivo representada pola Universidade de Vigo a través da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Nesta ocasión viaxaron a Bélxica os docentes Íñigo Cuiñas, quen fora coordinador do proxecto Unifors, e Edita de Lorenzo, xunto cun grupo de sete estudantes. Tras un curso en liña, desenvolto durante o proxecto Unifors, tivo lugar esta formación presencial nun escenario moi particular, o castelo de Wégimont, na cidade de Lieja, e á que asistiron medio cento de estudantes de universidades de Bélxica (HEPL, Lieja), Portugal (Instituto Politécnico de Porto), Romanía (Romanian American University) e España (Universidade de Vigo). “O profesorado que impartimos o curso procedemos das mesmas institucións, ademais da University of Warmia and Mazury in Olsztyn de Polonia”, salienta Cuiñas.

A profesora Edita de Lorenzo encargouse de impartir o módulo relativo á Resolución de problemas e Íñigo Cuiñas o de Traballo en equipo, “ademais de supervisar os oito equipos multiculturais que traballaron na resolución de catro casos de estudo propostos por catro empresas establecidas na zona de Lieja”, explica o docente.

Programas intensivos que combinan a virtualidade e a presencialidade

Os Programas Intensivos Combinados (Blended Intensive Programme, BIP) están organizados ao abeiro do programa Erasmus e neles combínase a mobilidade física a curto prazo -entre cinco e 30 días-, cun compoñente virtual obrigatorio que facilita o intercambio de aprendizaxe colaborativo en liña e o traballo en equipo, co obxectivo de chegar a todo tipo de estudantes de todas as orixes, campos de estudo e ciclos.

Tras a realización dos correspondentes cursos virtuais, as alumnas e alumnos participantes neste curso tiveron a oportunidade de reunirse e participar en diferentes clases e talleres para brindar solucións a un caso de uso asignado entre os propostos por catro empresas colaboradoras.