DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 10 ao 12 de marzo en versión dixital e retransmitido por Youtube

Docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución coorganizan un simposio sobre feiras internacionais do libro

Buscan mellorar o coñecemento destes encontros como instrumentos de promoción cultural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 09/03/2021

Guadalaxara, Bos Aires, Frankfurt, Madrid... son cidades coñecidas, entre outras moitas cousas, polas súas feiras internacionais do libro, lugares de encontro, literario, cultural, económico e mesmo político. O grupo de investigación Bitraga da Facultade de Filoloxía e Tradución, composto polas profesoras Iolanda Galanes, Ana Luna, Silvia Montero e Áurea Fernández, forma parte do comité organizador dun simposio internacional que arranca este mércores en Santiago de Compostela e no que, precisamente, se busca mellorar o coñecemento destes eventos como instrumentos de promoción cultural, afondando na figura do ‘convidado de honra’ e na súa función como escaparate para a promoción da lectura dun determinado país no exterior.

O simposio prolongarase ata o venres 12 e, dadas as actuais circunstancias sanitarias, vaise levar a cabo de xeito exclusivamente dixital, de maneira que as diferentes conferencias, relatorios e mesas redondas serán emitidos a través da web da entidade colaboradora, Consello da Cultura Galega e da súa canle de Youtube. O encontro reunirá especialistas académicos/as de prestixio internacional que exporán diferentes perspectivas relacionadas cos estudos da cultura. En concreto, abordaranse neste simposio varias ferias internacionais do libro (Liber Madrid-Barcelona, Livre Paris, Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, Feira Internacional do Libro de Bos Aires e Frankfurter Buchmesse) desde a perspectiva dos estudos da cultura, a socioloxía da tradución e a economía da cultura cun equipo pluridisciplinar e internacional.

Entre este equipo de especialistas, as investigadoras da UVigo destacan a participación do antropólogo cultural arxentino Gustavo Sorá, da Universidad Nacional de Córdoba, e da francesa Gisèle Sapiro, do Centro Europeo de Socioloxía e Ciencias Políticas, pero o programa de ponentes é extenso. Desde España participan docentes das tres universidades galegas e de Madrid CUNEF; desde Francia, da Paris Sorbonne-Paris IV; desde Brasil, da Univ. Federal do Rio de Janeiro, do Centro Federal de Educação Tecnológica de Minas Gerais e da Universidade Federal de Uberlândia; desde Alemaña, da Universidade de Flensburg, e do Reino Unido da Universidade de Warwick.

Presentación das conclusións do proxecto Culturfil

O simposio sirve tamén como escenario de honra para presentar as conclusións do proxecto de investigación Culturfil, Nuevas estrategias de promoción cultural. Las feriras internacionales del libro y la condición de invitado de honor, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación e por fondos Feder, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e do que tamén forman parte as investigadoras do grupo Bitraga. “O evento dá seguimento a outras actividades do proxecto celebradas moitas delas na Universidade de Vigo e que se poden consultar na súa páxina web”, explica Galanes.

O programa do encontro arrancará ás 16.00 horas e, tras a apertura, terá lugar a conferencia Os festivais literarios internacionais. Primeiros resultados, a cargo de Gisèle Sapiro. Presentará a profesora da Universidade de Vigo Áurea Fernández, quen tamén moderará  a posterior mesa redonda, centrada nos diferentes parámetros de internacionalización e na que participarán María Fernández Moya, do Colexio Universitario de Estudos Financeiros, Cunef; Carmen Villarino, da Universidade de Santiago de Compostela, e as profesoras da UVigo, Iolanda Galanes e Ana Luna. Rematará esta primeira xornada cun relatorio sobre a promoción institucional nas feiras internacionais do libro, do que se encargará Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia.