DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Denuncian que o alumnado pode chegar á universidade sen ter recibido formación neste eido

Docentes universitarios publican un manifesto no que alertan da escasa formación dos estudantes sobre a teoría evolutiva en todas as etapas educativas

O catedrático da UVigo Emilio Rolán é un dos impulsores desta iniciativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 20/10/2020

Nos países da nosa contorna, os contidos clave sobre a teoría da evolución comezan a impartirse en Educación Primaria de xeito obrigatorio e continúan incorporándose de gradualmente ao longo da Educación Secundaria e o Bacharelato. Deste xeito, cando as e os alumnos chegan á etapa universitaria teñen unha base sólida sobre unha das grandes revolucións conceptuais da historia da humanidade. Pola contra, en España o nivel de coñecemento que ten o alumnado universitario sobre a evolución é moi baixo, como demostra un recente estudo realizado en dez campus españois e coordinado polo catedrático da Universidade de Vigo e investigador do CIM (Centro de Investigación Mariña), Emilio Rolán.

Precisamente en base aos resultados “decepcionantes” desta análise e aos datos achegados por un segundo proxecto, coordinado por dúas docentes da Universidade da Coruña, na que revisan os contidos evolutivos na educación española dende Primaria ata Bacharelato, un grupo de docentes de universidades españolas acaba de publicar un Manifesto en auxilio da educación sobre a teoría evolutiva. O texto está asinado, entre outros, polo catedrático vigués Emilio Rolán e nel urxen a necesidade de replantexar o xeito de ensinar os contidos de bioloxía tanto a nivel preuniversitario como universitario. “Solicitamos aos xestores públicos que revisen e reformen o noso sistema de ensinanza con urxencia” e ofrécense aos responsables das diferentes administracións a colaborar neste labor “para axudar e asesorar” neste proceso e remarcan que “non prestar unha adecuada importancia aos procesos educativos supón na práctica deslizarse de forma lenta pero segura cara a ignorancia en aspectos claves que deberían definir a calquera sociedade moderna e avanzada”.

Segundo os autores do manifesto, esta reforma do sistema universitario sería de vital importancia, xa que o estudo realizado entre universitarios serviu para demostrar que canto máis material sobre evolución incluían as distintas universidades no deseño da carreira en cuestión, “mellor preparados saían os seus alumnos. Isto implica que as decisións acerca de como se organiza un itinerario docente teñen un impacto nos nosos estudantes, como non podería ser doutra maneira”.

As ideas nucleares da teoría evolutiva, só nas materias optativas

Tras o estudo feito público hai un mes realizado en dez universidades españolas e coordinado por Emilio Rolán, outro proxecto volve certificar o problema que existe en España coa formación do alumnado no que se refire á teoría evolutiva. Desta volta foron dúas investigadoras da Coruña, Ánxela M. Bugallo e Lucía Vázquez, as que acaban de publicar unha revisión dos contidos evolutivos na educación preuniversitaria en España. O resultado, como recolle o manifesto, “é de novo decepcionante”, xa que certifica que os estudantes preuniversitarios “non teñen ningunha materia obrigatoria que revise os principios fundamentais da teoría evolutiva” e estes contidos “só se incorporan en materias optativas de ESO e Bacharelato”, o que implica que o alumnado que non as elixan “terminará a súa educación preuniversitaria carecendo do máis mínimo coñecemento sobre a evolución”. As investigadoras tamén comparan o deseño educativo de España co de países de referencia da contorna “e vemos que neles os coñecementos clave sobre a teoría evolutiva” xa se comezan a impartir en Primaria. 

Os asinantes do manifesto tamén alertan da posibilidade de que o que sucede coa teoría evolutiva, suceda tamén “no conxunto da educación científica”. Como posible causa, sinalan “o modo en que está concibida a estratexia docente actual, na que prima a impartición de inxentes cantidades de materia en detrimento da ensinanza dunha visión global coherente”. Como exemplo destacan que os contidos impartidos e avaliados en calquera das materias optativas de Bioloxía en ESO ou Bacharelato, “inclúen multitude de detalles acerca da bioquímica das distintas moléculas, mentres que deixan nun segundo plano as ideas máis relevantes que forman parte da teoría evolutiva, como a ascendencia común, a especiación ou a selección natural.